O diésel é máis barato que a gasolina 95 por primeira vez desde o pasado 4 de marzo
O litro págase de media 1,773 euros
O Goberno aplica un desconto de 20 céntimos por litro ao diésel e de cinco centimos ao litro de gasolina
Arquivo/Europa Press
O prezo medio do litro de gasóleo de automoción marca nas gasolineiras españolas, desde este mércores, un prezo menor (1,773 euros o litro) que o da gasolina 95 (1,774 euros/litro), o que ocorre por primeira vez desde o pasado 4 de marzo.
O motivo deste cambio nos prezos dos combustibles é o desconto aplicado sobre o imposto de hidrocarburos de 20 céntimos por cada litro ao diésel.
O desconto supón 10 euros por litro máis que o aplicado en agosto, mentres que a rebaixa na gasolina 95 pasou dos 10 céntimos o litro de agosto aos 5 céntimos o litro actuais.
Deste xeito, o prezo medio do diésel nas gasolineiras españolas afástase do seu máximo alcanzado o 21 de marzo, cando marcou 1,942 euros por litro.
O prezo actual do litro da gasolina 95 achégase ao máximo anotado o pasado 21 de marzo, que foi de 1,796 euros/litro.
Con estes datos na man, encher un depósito de 50 litros dun coche propulsado por diésel ten hoxe un custo medio de 88,65 euros, mentres que ese mesmo depósito cheo de gasolina 95 costa 88,70 euros.
Polémica entre transportistas e gasolineiras
A Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer) denunciou que "numerosas gasolineiras" non trasladan ao prezo final do diésel a rebaixa fiscal de 20 céntimos por litro,
A Confederación Española de Empresarios de Estacións de Servizo (CEEES) respondeu este mércores que as gasolineiras están a aplicar "de forma maioritaria e xeneralizada" os novos tipos do Imposto Especial de Hidrocarburos (IEH) vixentes.
Segundo sinala a patronal das estacións de servizo, "a medida que as estacións vaian repoñendo existencias e adquirindo produto co IEH vixente en setembro, irase producindo esa translación ao prezo de venda ao público".