Publicador de contidos

Publicador de contidos

O detido por agredir a súa parella en Carballo pasará o mércores á disposición xudicial

O detido por agredir a súa parella en Carballo pasará o mércores á disposición xudicial

A vítima permanece grave pero estable na UCI do CHUAC, con traumatismo craneoencefálico

Os compañeiros de instituto do fillo da muller solidarízanse con el e coa súa nai nun acto de repulsa da violencia machista

Os veciños de Carballo concentráronse esta tarde contra a última agresión machista

G24.gal 31/05/2022 10:13 Última actualización 31/05/2022 21:26

O home detido este luns por agredir supostamente a súa parella, que se atopa na UCI en estado grave, pasará este mércores á disposición xudicial.

Así o informaron fontes xudiciais, que concretaron que está previsto que o pase á disposición xudicial teña lugar no Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, o competente en materia de violencia contra a muller.  

Pola súa banda, a muller agredida, de 43 anos, atópase "estable", ingresada na UCI do CHUAC con "prognóstico grave", segundo sinalaron fontes sanitarias este martes.  

Os feitos sucederon sobre as 2:45 horas deste luns pasado no lugar de Fonte Caldeira, no municipio de Carballo, onde unha testemuña atopou a muller na rúa, tras recibir a brutal malleira

Os dous fillos menores de idade da parella, que tiveron que ser rescatados pola ventá polos bombeiros, permanecen baixo custodia dos avós

O marido da vítima e presunto agresor, que carece de antecedentes, fuxiu tras a agresión e, despois de ordenar a súa procura a Garda Civil, entregouse na Comandancia da Coruña, onde foi detido sobre as 10:15 do luns; posteriormente, trasladárono ao cuartel de Carballo.  

A Policía Xudicial da Garda Civil de Carballo encárgase da investigación. O delegado do Goberno en Galicia José Miñones confirmou unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos.  

Carballo condena a "brutal agresión machista" e convoca unha concentración

O Concello de Carballo condenou este martes a "brutal agresión machista" na localidade e convocou os veciños para concentrárense este mércores na praza do municipio ás 19:00 horas e mostraren a solidariedade do pobo coa agredida e expresar a súa repulsa ao ataque.

O alcalde de Carballo Evencio Ferreiro leu unha declaración institucional antes de iniciar a reunión plenaria do municipio, na que expresou o seu desexo dunha pronta recuperación da muller.

Ferreiro sinalou que esta agresión debe facer reflexionar sobre a violencia machista que se produce "todos os días" e que queda "escondida nos fogares" por falta de que saia á luz a "evidencia" de homes que "agriden e matan a mulleres polo simple feito de séreno".

Xa durante esta mañá, compañeiros dun dos fillos de Alejandra e o seu marido, o seu presunto agresor, protagonizaron unha marcha estritamente silenciosa arredor do seu centro educativo para protestar por este novo caso de violencia machista.

Os malpicáns tamén saíron á rúa para participar nunha concentración silenciosa onde tampouco faltaron os momentos de reflexión e un agarimoso aplauso dedicado a Alejandra e os seus.

Xestos solidarios que continuarán nas próximas horas. Contra as sete da tarde, o Concello de Carballo convida os veciños a participar na concentración que haberá na praza. Para este mércores, o Círculo Feminista de Carballo ten convocado un novo acto de rexeitamento á violencia machista, no mesmo lugar, contra as oito da tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade