Publicador de contidos

Publicador de contidos

As bolsas europeas, de novo en vermello, trala derruba dos mercados asiáticos polos aranceis de Trump

As bolsas europeas, de novo en vermello, trala derruba dos mercados asiáticos polos aranceis de Trump

Wall Street abre con fortes caídas en torno ao  4 %, o Nasdaq baixou un 4,17 %

O selectivo madrileño, que abriu a sesión deixándose un 6 %, moi moderando a caída e cede agora un 4,3%

A bolsa de Tokyo perdeu este luns case un 8 % e a de Hong Kong un 13,2 % como consecuencia dos aranceis anunciados polo presidente dos EUA

O ministro Carlos Cuerpo advirte: "A mensaxe que están a lanzar as bolsas a nivel mundial é que estamos ante unha política económica que é daniña para todos a nivel global"

Eduardo Parra/Europa Press Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 07/04/2025 09:19

A Bolsa de Nova York abriu este luns en vermello por terceiro día consecutivo tras o anuncio dos aranceis globais do presidente estadounidense, Donald Trump, e o seu principal índice, o Dow Jones de Industriais, perdía máis de 1.300 puntos, o que representa un retroceso do 3,77 %, seguindo o ritmo das bolsas de valores de Asia e Europa que arrincaron a semana con fortes retrocesos. 

Dez minutos despois do toque de campá, o S&P 500 rexistraba unhas perdas do 3,94 %, ata os 4.873 puntos (co que entra en territorio baixista: cando cae un 20 % despois do seu último 'pico'); mentres o Nasdaq baixaba un 4,17 %, ata situarse en 14.938 enteiros, despois de que Wall Street pechase o venres coa súa peor xornada desde 2020. 
Nos compases posteriores, os tres índices moderaban as súas caídas en torno ao 2 %

O Ibex 35 iniciou de novo a sesión deste luns en vermello ao verse contaxiado polo desastre das bolsas asiáticas, que este luns se derrubaron ante a guerra arancelaria iniciada polo presidente dos Estados Unidos Donald Trump.

O selectivo madrileño, que abriu a sesión baixando ata un 6 %, foi moderando as súas caídas ata ceder a media mañá un 4,30%, ata os 11.882 puntos.

As perdas colleitas no arranque da sesión son as peores do último lustro. O Ibex Non cedía tanto desde marzo de 2020, durante a pandemia da COVID-19.

As maiores caídas na sesión deste luns estanas experimentado Acciona (-6,35%), o banco Sabadell (-5,90%) ou IAG (-5,88%).

Cuerpo: "A mensaxe das bolsas é clara: estamos ante unha política daniña"

O ministro español de Economía e Comercio, Carlos Cuerpo, asegurou este luns que as bolsas a nivel mundial están a lanzar a mensaxe de que os aranceis impostos por Estados Unidos son "daniños", e instou a escoitar esta mensaxe.

"A mensaxe que están a lanzar as bolsas a nivel mundial é unha mensaxe moi clara de que estamos ante unha política económica que é daniña, e daniña para todos a nivel global", declarou Cuerpo á súa chegada á reunión de ministros de Comercio da Unión Europea (UE) que se celebra hoxe en Luxemburgo.

Cuerpo considera que se debe "recapacitar entre todos" e "tentar avanzar precisamente cara a esa solución negociada, cara a ese acordo que supoña un beneficio para as nosas economías". "Levamos anos beneficiándonos todos dese intercambio mutuo, temos 4.400 millóns que viaxan a diario entre ambos os continentes en intercambios de bens e servizos e isto hai que reforzalo. Non temos que avanzar en fragmentar estes mercados", comentou.

Os mercados europeos, tamén en vermello

As principais bolsas europeas, tamén en vermello como consecuencia da incertidume creada polos aranceis de Trump. No inicio da sesión, Frankfurt e Milán chegaban a caer ata un 7%. A media mañá Milçán perde un 6,7%, París un 6,3%, e Frakfurt un 6,19%.

No mercado das divisas, a cotización do euro fronte ao dólar colócase en 1,0956 dólares e o prezo do barril de petróleo de calidade Brent, referencia para o vello continente, situábase, a media mañá en 63 dólares, un 3,93 % menos, o nivel máis baixo desde abril de 2021.

Derruba das bolsas asiáticas

A Bolsa de Madrid contaxiábase este luns do desastre dos mercados asiáticos. O índice Nikkei 225 da Bolsa de Tokyo caeu este luns case un 8 %, o índice Hang Seng da Bolsa de Hong Kong perdeu un 13,2% e  o Taiex taiwanés sufriu o maior descenso diario da historia cunha caída do 9,7%, dando así continuidade ao esborrallamento xeneralizado do venres pasado dos principais índices dos mercados estadounidenses, no marco do anuncio dos aranceis do presidente dos Estados Unidos Donald Trump.

Á espera da apertura de Wall Street (15:30 horas española), o selectivo Dow Jones de Industriais concluíu a sesión do venres cun retroceso do 5,5 %, ata os 38.314,86 puntos; o tecnolóxico Nasdaq cun descenso do 5,82 %, ata os 15.587,79 puntos, e o S&P 500 cunha caída do 5,97 %, ata os 5.074,08 puntos.

Os ministros de Comercio da Unión Europea tratarán este luns de fixar as directrices políticas da represalia que deseña o Executivo comunitario de Ursula von der Leyen á guerra arancelaria lanzada polo presidente dos Estados Unidos Donald Trump, unha resposta que é competencia de Bruxelas pero ante a que os 27 queren mostrar unidade, a pesar das súas diverxencias internas respecto aos tempos e ao alcance das contramedidas posibles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade