Publicador de contidos

Publicador de contidos

O desafío do Celta pasa por asaltar o fortín do PAOK

O desafío do Celta pasa por asaltar o fortín do PAOK

Nunca un equipo español gañou no estadio de Salónica

Lucescu non poderá contar no partido de mañá con ata cinco habituais titulares, incluído o talentoso mediapunta Giannis Konstantelias

G24.gal 18/02/2026 12:40 Última actualización 18/02/2026 13:34

O impoñente Estadio Tomba, onde o PAOK leva máis dun ano sen perder un partido, e o gran momento de forma do equipo dirixido polo romanés Razvan Lucescu, propoñen este xoves un enorme desafío ao Celta de Claudio Giráldez no partido de ida dos dezaseisavos de final da liga Europa.

Nunca un equipo español gañou no estadio de Salónica, onde esta tempada o Betis perdeu 2-0 na Fase Liga da competición continental. Ademais, a última derrota do PAOK diante dos seus afeccionados produciuse o 13 de febreiro de 2025, na ida do playoff da liga Europa fronte ao Steaua de Bucarest (1-2).

O PAOK, inmerso na pelexa polo título de Liga -é terceiro a tres puntos do líder AEK, pero cun partido menos-, só perdeu un dos seus últimos trece partidos oficiais, ante o Lión (4-2) na última xornada da primeira fase da liga Europa. Ese notable crecemento veu acompañado dunha melloría defensiva que o levou a celebrar ata nove porterías a cero.

Outro serio aviso para o Celta, que se atopará a un rival moi diferente ao que dobregou en Balaídos o pasado 2 de outubro. A mellor noticia para os celestes é que Lucescu non poderá contar no partido de mañá con ata cinco habituais titulares, incluído o talentoso mediapunta Giannis Konstantelias, o xogador con máis proxección do fútbol grego.

O dianteiro Georgios Giakoumakis, autor do gol do seu equipo en Balaídos, tampouco poderá xogar por acumulación de tarxetas, mentres que Despodov, Pelkas e Ivanesuc son baixa por lesión e o francés Meité dúbida por unha lesión na cadeira.

O Celta viaxa a Grecia tras encadear cinco partidos sen gañar, catro de Liga e o último da Fase Liga da competición europea. Con todo, o seu xogo ante Osasuna (derrota en Balaídos) e Español (empate en Cornellà) reforzou a un equipo que sufrirá algúns retoques no seu once. O internacional español Óscar Mingueza e Ilaix Moriba, dous dos habituais, recuperarán a titularidade.

A gran dúbida está en quen acompañará ao guineano no dobre pivote. Giráldez ten que elixir entre a experiencia do uruguaio Matías Vecino e a mocidade dun Miguel Román que está a brillar na súa primeira tempada co primeiro equipo. Nese caso, Fer López adiantaría a súa posición para acompañar a Hugo Álvarez e Borja Iglesias na liña de ataque, á que tamén aspira Ferran Jutglà.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade