O dereitazo de Cano no engadido deixa os puntos no Vero Boquete
Adiantouse o Burgos Promesas no marcador, e os de Fabiano atoparon o xeito de remontar
Custoulle moito ao Compostela, que acabou levando o triunfo no Vero Boquete ante do Burgos Promesas. E iso que nos primeiros dez minutos mandou dous remates aos paus. Mario Rodríguez e Darío Germil tiveron a desgraza de atoparse co ferro.
No primeiro achegamento burgalés anotou Erik (minuto 21) e volvían as nubes negras sobre Santiago. Antes do descanso (minuto 44) Fer Beltrán marcou un gol determinante para meter o seu equipo no partido.
Non foi unha boa segunda parte do Compos. Tentouno de todos os xeitos pero custoulle moito xerar perigo. Todo apuntaba a un empate cando Cano sacou un dereitazo no minuto 93 e puxo o definitivo 2-1, o primeiro triunfo do equipo de Fabiano na temporada.