O Deportivo resiste o pulo final do Majadahonda e suma tres puntos vitais
O gol de Casado no 54' meteu o medo no corpo logo de marchar por diante ao descanso con dous goles de vantaxe (Lapeña e De Camargo)
Só lle valía o triunfo ao Deportivo en Riazor diante dun rival directo como o Raio Majadahonda se non quería enredar demasiado a zona alta da clasificación.
Conscientes diso, os homes de Borja Jiménez deron o mellor de si mesmos nos minutos iniciais, nos que ademais tiveron o acerto necesario para desequilibrar. Adrián Lapeña marcou aos 6 minutos unha falta botada por Juergen. O gol temperán descargou de presión aos coruñeses, que mantiveron unha presión alta que lles permitiu recuperar balóns coma este, que se converteu no 2-0. Hai penalti sobre Noel, que foi a referenza ofensiva coas baixas de Quiles e Miku.
Precisamente, ao non estar ningún dos dous especialistas sobre o verde., William de Camargo asumiu a responsabilidade para ampliar a vantaxe. Incluso o bo primeiro tempo dos branquiazuis mereceu máis. Noel tivo unha boa oportunidade. A súa brillante acción inidivual atopouse co gardameta do Raio.
Tras o intermedio, o conto foi outro. O equipo madrileño puxo máis efectivos en ataque e recurtou diferenzas nunha acción de insistencia, na quie Jorge Casado deixa en nada a excelente parada inicial de Ian Mackay.
Daquela, xurdiu a incerteza. O Deportivo non foi quen de facer dano ao contraataque e padeceu ata o final. No 89 tivo a opción máis clara o Mjadahonda para levar un punto da Coruña. Ao final, chegou un triunfo máis que necesario, moi loitado, a mellor homenaxe posible a todo un loitador.