Publicador de contidos
Publicador de contidos

O club coruñés mira o futuro tras frustrarse de novo o ascenso

O club coruñés mira o futuro tras frustrarse de novo o ascenso

O presidente da entidade garantiza o apoio de Abanca e anuncia decisións para as próximas semanas

A continuidade de Rubén de la Barrera está no aire. Lucas quere seguir encabezando o proxecto

G24.gal 12/06/2023 20:00 Última actualización 12/06/2023 21:14

Tras caer derrotado en Castalia e ás portas dunha cuarta temporada en Primeira Federación, o Deportivo prepárase para poñer o contador a cero. 

"Non son eu quen decide. Haberá que analizalo en frío. Por que subimos e baixamos de rendemento ao longo da temporada? Se o obxectivo era quedar primeiros e quedamos cuartos é que algo fixemos moi mal", dixo Álex Bergantiños. 

O soño de regresar ao fútbol profesional esvaceuse logo dun partido inzado de erros. Avecíñanse cambios, e así o fixo saber o presidente da entidade nada máis rematar o encontro. Antes, quixo garantir o apoio do socio maioritario, Abanca. "Quero recoñecer a solidez do proxecto e recalcar o apoio do primeiro accionista do club para seguir traballando. Nas próximas semanas tomaranse moitas decisións", asegurou Antonio Couceiro. 

As decisións a que alude Couceiro poderían repercutir na secretaría técnica do club, encabezada por Carlos Rosende e Juan Giménez. O deportivismo mira tamén a Rubén de la Barrera, contratado de emerxencia a dúas xornadas para o final da liga. 

"Son deportivista, sentarei co club a escoitar. As miñas ganas por estar non se cuestionan", explicou o adestrador. "Estes momentos colócante no límite e esixen decisións. Se se fai así, o club gañarará. Ao mellor non este ano pero si o seguinte. Pero para isto hai que facer as cousas ben", engadiu. 

A reconstrución do Deportivo pasa necesariamente polo cadro de xogadores e obriga a reparar no labor da canteira.  Lucas Pérez, visiblemente afectado en Castalia, quere seguir encabezando o proxecto. Dáse por feito que Quiles, con 38 goles en 72 encontros, non continuará.  

"Cabeza arriba. O ano que vén prepararémonos para unha temporada dura. Eu xa estou mentalizado", afirmou Lucas con vehemencia. 

Unha labazada de realidade deixa o Deportivo un curso máis na terceira categoría do fútbol español. O club apela aos seus vintecinco mil socios para manterse vivo nas horas máis baixas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar