Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un Deportivo sen pegada cae en Mendizorroza diante do Alavés (3-1)

Un Deportivo sen pegada cae en Mendizorroza diante do Alavés (3-1)

Os coruñeses igualaron na primeira metade grazas a un autogol de Tenaglia

Na segunda metade Leo Román detívolle un penalti a Boyé

O dianteiro desquitouse marcando o segundo e asistindo no terceiro de Denis Suárez

Foto: EFE Foto: EFE
G24.gal 21/11/2026 15:54

O Deportivo apañou a súa cuarta derrota do curso en Mendizorroza, diante dun Alavés que levaba máis de dous meses sen gañar.

Pegou primeiro o Alavés, e de que xeito. Unha primeira incursión pola dereita remataba cun centro pasado pero, na segunda opción, o balón volveulle chegar a Ángel Pérez, que definiu diante de Leo Román para anotar o primeiro do partido.

Ían so dous minutos, e o Deportivo non estaba cómodo. Así que os vitorianos seguiron asomándose á área galega. Toni Martínez tivo a seguinte aos once minutos, asistido desde a esquerda, e o seu remate saíu un chisco desviado. E, noutra internada pola esquerda, tivo que aparecer Quagliata para botar o balón a córner. Pero pola dereita tamén inquedaba o Glorioso, e Ángel Pérez volveu rematar con dureza, salvando Leo Román. E o porteiro apareceu outra vez á media hora cando, adiantado, estirouse para evitar a vaselina de Boyé desde o centro do campo.

Era o treito final e o Alavés non afrouxaba. Rebbach volvía probar sorte desde a frontal cun remate potente, pero desviado.

A segunda metade comezou como a primeira co Alavés á busca do gol. Así chegou a primeira ocasión, cun remate de Tenaglia que sacou Giménez. E dende o curruncho chegou a mellor dos locais, logo dunha man de Soriano no intento de despexe que o árbitro sancionou con penalti. Pero Leo Román prolongou o seu momento doce e detívolle o lanzamento a Lucas Boyé.

Desquitouse o dianteiro so oito minutos despois, cunha cabezada dende a área pequena coa que anotaba o 2-1. Protestou o Deportivo un empurrón sobre Loureiro no salto, pero o gol subiu ao marcador.

Buscou a igualada o equipo de Hidalgo, con senllos remates de Aubameyang e Traoré, pero o encontro chegou aos minutos finais con vantaxe dos vitorianos. E aí volveu aparecer Boyé, para recuperar un balón na zona de perigo, e facer unha xogada persoal para atraer aos defensores e regalarlle o gol a Denis Suárez. O de Salceda non perdoou, e sentenciou o choque co 3-1. Cuarta derrota do Deportivo esta temporada, e o Alavés volvía gañar máis de dous meses despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade