O Deportivo cae contra o Rácing, máis líder en Riazor (0-1)
Un gol de Canales decidiu un partido intenso, pero con poucas ocasións claras
Xa co 0-1 o Deportivo tivo oportunidades para igualar, sobre todo no engadido, pero o marcador xa non se moveu
O Deportivo queda a dous do ascenso e a sete do líder
O Deportivo non puido co Rácing en RIazor, nun partido en que foi de menos a máis, e no que tivo boas ocasións de marcar no treito final. Pero un tanto solitario de Canales decidiu o choque.
O partido comezou cunha gran intensidade, con achegamentos ás dúas áreas. Aos poucos foise facendo co dominio o Deportivo, que tivo a primeira boa ocasión cun lanzamento de José Ángel desde a frontal que saiu moi preto do pau. O segundo aviso deuno Zaka, cun bo movemento na área que sacou Ezkieta, aínda que a acción estaba anulada por fóra de xogo.
A segunda metade comezou coa mesma tónica, e volveu probar fortuna o Deportivo de lonxe. Quagliata topou con Ezkieta. Pero o Rácing non renunciaba a buscar a súa, e entre Sangalli e Facu fabricaron unha acción que tivo que sacar Villares a córner. Desde o curruncho marcaron os cántabros. Canales anotou raso desde a esquerda.
A partir de aí era o Rácing o que saía con velocidade buscando as contras, mentres ao Deportivo costáballe refacerse do golpe. Axiña estivo preto do empate, nunha acción pola dereita que rematou Villares contra Pablo Ramón.
Pero o Rácing estaba máis cómodo, e Canales puido ampliar a renda cun remate lonxano, xusto antes de que Stoichkov gozase dunha gran ocasión para empatar, que tamén rematou fóra.
Ía rachando o partido por momentos, co Deportivo á busca do empate e o Rácing á contra. Así tivo outra Canales.
Entrou o partido no tempo engadido cun remate a boca de xerro de Mulattieri que salvou Ezkieta. O asistente levantou a bandeira, pero non parecía fóra de xogo.
E Charlie Patiño tivo o empate no 95, pero rematou ao lateral da rede. Non foi quen de igualar o Deportivo, que forzou un último córner que xa non se puido sacar, e queda a sete puntos dos cántabros, e a dous do ascenso.