O Deportivo Abanca perde en Éibar (1-0) e acumula seis xornadas sen gañar
Un gol solitario de Sara definiu o partido de Ipurúa
Queda mancado o Deportivo Abanca tras a derrota fronte ao Éibar nun partido que os dous equipos afrontaban igualados, con 7 puntos, e co obxectivo de marcar diferenza co descenso.
O primeiro tempo resultou ser un intercambio de golpes febles. Só un inquietou as gardametas. Levou a sinatura de Olaya Enrique que, desde lonxe, case sorprende a meta armeira.
O decisivo do encontro chegou á volta dos vestiarios, cando Ainhoa Marín tivo a ocasión, e vaia ocasión, de adiantar o Deportivo. Non atinou a dianteira catalá. E case de inmediato si que o fixo o Éibar. Marcou Sara Martín gañando a partida á súa defensora e sorprendendo a Inés Pereira. Só se gastaran tres minutos dun vibrante reinicio de partido.
Acusou o golpe anímico o equipo coruñés, que non foi capaz de xerar ocasións de suficiente entidade para variar o 1-0.
É o sexto partido seguido sen gañar para o conxunto de Fran Alonso. A próxima semana posiblemente sexan sete. Toca visitar o inaccesible Barcelona.