O Deportivo Abanca buscará a fazaña diante do Real Madrid coa permanencia case resolta
A vitoria da pasada fin de semana no campo do DUX Logroño deixa unha marxe de once puntos co descenso
O equipo de Fran Alonso tentará manter as boas sensacións que amosou en Riazor ao longo da temporada
Coa permanencia case resolta afronta o Deportivo Abanca o duelo diante do Real Madrid deste domingo (12:00 horas). Son once puntos de vantaxe con relación ao DUX Logroño -equipo que marca o posto de descenso- despois do triunfo acadado na Rioxa a semana pasada (0-4).
O rival é un dos mellores da Liga F pero o equipo coruñés recibirá o segundo clasificado sen a presión dos postos baixos e coa ilusión de ofrecerlle un gran partido aos seus seareiros. Os números do Deportivo Abanca en Riazor están a ser moi bos, con tres vitorias, catro empates e unha soa derrota. A súa defensa é unha das mellores do campionato cando xoga como local (só seis goles recibidos en oito partidos). A iso se agarra Fran Alonso buscando a sorpresa.