OPINIÓN
O custo dun criterio xudicial, por María Bastida
Rápido e sen reviravoltas: Galicia está a pagar un custo altísimo -económico, enerxético e reputacional- por un enfoque xudicial que desborda o razoable. E non falo de protexer o medio ambiente, que é imprescindible. Falo dun criterio interpretativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que, sinxelamente, non se aplica en ningunha outra comunidade e que choca co devandito por instancias superiores.
Convén lembrar os feitos. O Tribunal Supremo xa corrixiu ao TSXG no caso Campelo, deixando claro que compartir infraestruturas non implica fragmentar artificialmente un proxecto. E o Tribunal de Xustiza da UE avalou a interpretación que viña facendo a Xunta: avaliar parques e liñas por separado é compatible coa normativa europea se se analizan debidamente os efectos acumulativos. Exactamente o mesmo que fan a maioría das rexións europeas que están a liderar a transición enerxética.
E que fai o TSXG? Dobrar a aposta. Ignora o sinal do Supremo, abstráese da resposta do TXUE e esixe niveis de avaliación ambiental que non figuran nin na lei galega nin na directiva europea. Desde o punto de vista xurídico, é un formalismo extremo. Desde o punto de vista económico, é un lastre que Galicia non pode soportar.
Mentres tanto, 92 proxectos eólicos están atrapados nun limbo, 88 deles tramitados da mesma forma que o Supremo considerou válida. Millóns en investimento paralizados, miles de oportunidades de emprego perdidas e industrias punteiras que non se instalan porque non poden esperar unha década a que a inseguridade xurídica se resolva. Esa é a realidade económica que temos, a que nos crearon.
Por iso a reacción do presidente Rueda é perfectamente comprensible. Exerce a súa responsabilidade advertindo dunha situación que está a xerar un dano real e que, sinxelamente, non existe en ningunha outra parte. Galicia aspira a liderar a transición enerxética e ten capacidade para facelo, pero iso non é posible cun marco xurídico impredicible que neutraliza calquera planificación a longo prazo. Non é coherente esixir a unha administración que trace unha estratexia enerxética ambiciosa, que atraia investimentos e que impulse industrias verdes de última xeración, mentres se somete a un criterio interpretativo que converte en incerta calquera decisión técnica. A Xunta cumpre a súa parte. Falta que o resto do sistema acompañe.