Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia explorará o potencial de ondas e mareas na produción de enerxía

Galicia explorará o potencial de ondas e mareas na produción de enerxía

O Consello da Xunta aproba licitar o deseño dunha plataforma flotante para analizar as posibilidades de produción e evacuación de enerxía desde o mar

O Goberno galego tamén acorda acudir ao Constitucional como afectada polo recurso do Executivo central contra a normativa eólica e de dependencia

G24.gal 09/02/2026 14:16

Galicia quere facerse un oco no sector da enerxía producida polas ondas do mar e as mareas. Así que a Xunta vaille dar un impulso investindo case 6 millóns de euros para instalar en Punta Lagosteira unha plataforma flotante que controlará as mareas.

O Consello da Xunta aprobou licitar un contrato para deseñar un prototipo para monitorizar o mar, en relación ás ondas e ás mareas, para analizar a potencialidade de producir enerxía.

Trátase da primeira estrutura deste tipo en España e instalarase na zona experimental do Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira.

A previsión de investimento é de 5,7 millóns de euros, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "é un nicho que podemos explorar e que, polo tanto, necesitamos saber os datos para ver se Galicia aquí ten unha oportunidade".

"Se a ten, a partir de aí comezará todo o procedemento e todo o diálogo co sector do mar", manifestou Rueda.

O presidente da Xunta tamén lamentou, neste sentido, que o Goberno central non autorice na mesma zona unha plataforma para probar prototipos de eólica flotante, para a que Galicia xa tiña aprobada unha axuda de 20 millóns do propio ministerio.

O Consello da Xunta tamén acordou autorizar que a Xunta sexa parte ante o Tribunal Constitucional para defender a posición de Galicia ante a paralización do repotenciamento eólico e a homologación automática da discapacidade.

Para Alfonso Rueda, a razón do recurso contra a homologación automática de discapacidade cando hai dependencia responde a que a medida "beneficiou a 12.000 persoas en Galicia", polo que contan "con exencións fiscais".

En canto ás repotenciacións, o presidente da Xunta reivindicou que esta medida supoñía reducir o número de aeroxeradores e substituílos "por outros máis modernos e máis potentes". "Habería un 80 % menos de muíños e ían producir un 40 % máis de enerxía", exemplificou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade