O cribado galego de hepatite C detecta 38 casos en cinco meses
Desde xaneiro ofréceselle facer a proba a pacientes de 50 a 59 anos para detectar casos ocultos

O cribado que a Consellería de Sanidade desenvolve nas áreas sanitarias galegas para a detección de casos ocultos de hepatite C descubriu 38 positivos entre as case 31.000 probas practicadas desde a súa posta en marcha.
Así o explicou o conselleiro, Julio García Comesaña, nunha xornada celebrada en Santiago con motivo do Día Mundial da Hepatite C, onde se afondou nas medidas postas en marcha pola comunidade para conseguir que "en 3 anos" esta doenza sexa "unha enfermidade rara" en Galicia.
Entre elas, os responsables da consellería mencionaron o cribado que se realizará en tres anos á poboación galega entre 40 e 59 anos, que concentra a maior parte dos casos de hepatite.
Co obxectivo de identificar casos ocultos, desde o mes de xaneiro ofrécese aos pacientes do primeiro grupo de idade (50-59 anos) que acudan a un centro hospitalario ou de saúde para facer unha análise que se sometan tamén a esta proba de detección.
O proxecto comezou en xaneiro na área sanitaria da Coruña e estendeuse xa ás sete áreas de forma progresiva.