O coruñés Lucas Pérez cambia Elxe por Cádiz

Como adoita ser habitual o último día do peche de mercado sempre é dunha actividade frenética. Case ás doce da noite deixounos un movemento cun xogador galego implicado. O dianteiro coruñés Lucas Pérez (33 anos) deixaba o Elxe para asinar co Cádiz, co que tentará manter a categoría.
O Elxe xa tiña atado o dianteiro arxentino Ezequiel Ponce para cubrir o seu sitio e tamén asinou dous ex do fútbol galego, como son o lateral esquerdo Lucas Olaza e o centrocampista Kike Pérez, con pasado no Cerceda.
O Atlético tamén se moveu para reforzar a posición de lateral esquerdo logo da marcha de Trippier, e o elixido foi o xogador do Lille Reinildo, campión da liga francesa o ano pasado e con experiencia nun equipo de Champions.
Pola entidade das fichaxes houbo dúas que destacaron. O Vilarreal recuperou a Lo Celso para o fútbol español. Chega do Tottenham, ao igual que Bryan Gil, que rematará a temporada no Valencia. O equipo che fixo outro movemento e conseguiu a cesión de Ilaix (Leipzig).
Polo que todo o mundo do fútbol agardaba era por Aubameyang, que non foi inscrito antes do peche do mercado pero poderá xogar no Barcelona ao chegar como axente libre.