Publicador de contidos
Publicador de contidos

O corredor submarino de hidróxeno verde custará 2.500 millóns

O corredor submarino de hidróxeno verde custará 2.500 millóns

Os líderes España, Portugal e Francia presentáronlle o proxecto H2MED á presidenta da Comisión Europea en Alacante

A previsión é que o hidroduto estea operativo en 2030, con capacidade para canalizar o 10 por cento do hidróxeno verde europeo 

G24.gal 09/12/2022 16:56 Última actualización 09/12/2022 21:18

O corredor submarino de enerxía verde H2MED, que finalmente transportará hidróxeno, estará composto de dous trazados, un entre Portugal e España, e outro entre España e Francia, e terá un custo que podería roldar os 2.500 millóns de euros.

Así o avanzou este venres o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha declaración conxunta con motivo do Cumio H2MED de Alacante, na que tamén participaron o presidente francés, Emmanuel Macron; o primeiro ministro portugués, Antonio Costa, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

O proxecto, que estará operativo ao final da década, para 2030, aspirará a recibir fondos comunitarios, segundo dixo Sánchez, que marcou como "primeiro fito" a presentación, antes do próximo 15 de decembro, do H2MED para que sexa declarado Proxecto de Interese Común por Bruxelas.

Durante a súa intervención, o presidente do Goberno español aclarou que o H2MED estará composto por dous tramos, un -xa existente e que se modernizará- entre Celorico da Beira  (Portugal) e Zamora, bautizado como CelZa, e outro entre Barcelona e Marsella, novo e coñecido como BarMar.

Ambos formarán parte do "primeiro gran corredor de hidróxeno da Unión Europea", unha infraestrutura que poderá transportar un 10 % do obxectivo total de hidróxeno renovable fixado polos Estados membros no plan RePower EU.

En concreto, o documento, presentado o pasado maio, establece un obxectivo de 20 millóns de toneladas de hidróxeno renovable para 2030, dos cales 10 millóns corresponderían a produción nacional e os outros 10 millóns, a importacións, a fin de substituír o gas natural, o carbón e o petróleo en sector difíciles de descarbonizar.

"Con este corredor reiteramos un dobre compromiso: reforzamos a seguridade enerxética e a autonomía estratéxica da Unión Europea nun momento imprescindible (...) e reafirmamos a determinación coa neutralidade climática, que ten no hidróxeno a súa pedra de toque", engadiu Sánchez.

Na mesma liña expresouse Macron, que manifestou que o H2MED é "totalmente coherente" coa estratexia colectiva do seu país. Explicou que Francia, España e Portugal buscan varios obxectivos con este proxecto, como reducir as emisións e abandonar de forma progresiva os combustibles fósiles, impulsar a electrificación do continente, e apostar pola industrialización e a innovación na rexión.

Pola súa banda, o primeiro ministro portugués reiterou que o H2MED "é un exemplo moi bo de como tres Estados saben cooperar entre eles para, en conxunto, beneficiar a toda a Unión Europea".

Costa defendeu que a infraestrutura permitirá non só "satisfacer as necesidades da Península Ibérica", senón que ademais dará a estes países a oportunidade de exportar cara ao resto do continente, o que redunda nos intereses do conxunto dos 27.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar