O Constitucional admite a trámite o recurso do Concello de Pontevedra contra Ence
O Concello de Pontevedra celebra que o procedemento "segue aberto"
A empresa di que a concesión non está en discusión

O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra contra a sentenza do Supremo que avalou a prórroga concedida á fábrica de Ence para ocupar terreos de Costas ata 2073.
A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, asegura que esta decisión xudicial confirma que o procedemento legal contra Ence "segue aberto", algo que o Goberno municipal celebra porque é "extremadamente difícil" que se admitan este tipo de recursos.
"Era importante para nós porque isto non deixa de ser unha canallada", sostivo Vilaverde sobre unha prórroga "claramente irregular" ao non xustificarse a necesidade de que a fábrica teña que emprazarse en plena ría de Pontevedra e vulnerando as directrices europeas.
Para o Concello, toda esa tramitación "infrinxiu" todo o procedemento, ao non ter en conta os informes municipais e non motivarse tampouco o prazo temporal que se lle outorgou a Ence para continuar coa súa actividade en terreos de dominio público marítimo-terrestre.
A iso suman que a prórroga foi concedida por un Goberno central que xa estaba funcións, presidido naquel momento Mariano Rajoy, excedendo as súas competencias.
Vilaverde lembrou na súa intervención que o Tribunal Supremo "botou atrás" a sentenza inicial da Audiencia Nacional que anulou a concesión "sen estudar todas as alegacións", o que a xuízo da representación legal do Concello causou un "trato de indefensión".
"É unha cuestión de dignidade. Non podemos admitir que se nos ningunee desta maneira", afirmou a tenente de alcalde, que subliña que o Constitucional recoñece que o asunto ten "especial transcendencia" ao afectar a un dereito fundamental sobre o que non existe doutrina.
Na providencia enviada ás partes, a sección terceira deste tribunal ordena ao Supremo e á Audiencia Nacional que lle remita toda a documentación pertinente sobre este procedemento.
Esta cuestión, segundo Vilaverde, sitúa a batalla legal contra Ence nunha "nova situación" na que o Concello seguirá traballando para "paliar esta inxustiza".
O Goberno municipal ve "claras" varias posibles opcións, entre elas a nulidade da sentenza do Tribunal Supremo que avalou a permanencia de Ence, revogando automaticamente a prórroga, ou que se teñan que examinar todas as alegacións presentadas no seu día.
En caso de que o Constitucional emita unha sentenza desfavorable aos intereses do Concello, avanzou a tenente de alcalde, "nós seguiriamos co noso camiño" recorrendo ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
Ence asegura que non está en discusión a concesión
Pola súa banda, Ence asegura que "en ningún caso" está en discusión a prórroga concedida á súa fábrica de Pontevedra para ocupar terreos de Costas ata 2073.
Tras coñecerse a decisión do Constitucional, desde a dirección de Ence aseguraron que a compañía, ao non ser parte no recurso, non foi notificada desta resolución e, por tanto, non coñece o contido do auto emitido polo tribunal.
En todo caso, sosteñen que a admisión a trámite do recurso de amparo "tan só implica" que se tramitará o recurso para valorar se se vulneraron os dereitos fundamentais que o Concello de Pontevedra asegura que non foron respectados.
Ence insiste en que a vulneración "non se produciu", polo que no momento que sexa emprazada polo Tribunal Constitucional e se lle notifique o auto efectuará as alegacións que considere oportunas en defensa dos seus intereses.
A empresa engade que "en ningún caso" a tramitación deste recurso afectará á doutrina do Tribunal Supremo recollida nas sentenzas de casación que foron favorables á compañía e que declararon a validez da prórroga da concesión.
Esta prórroga, defenden desde Ence, "non é obxecto de discusión" no recurso de amparo presentado e reiteran que, por tanto, "mantén a súa validez e plena vixencia e non pode quedar afectada por este tema", sexa cal for a súa resolución final.