Edificios públicos, escaparates e monumentos deberán apagar as luces desde as 22:00
A calefacción non poderá exceder os 19 graos e o aire acondicionado non poderá baixar dos 27 graos nos lugares públicos

As medidas que chegan este luns ao Consello de Ministros para aforrar enerxía afectan a varios departamentos e foron coordinadas pola vicepresidenta terceira Teresa Ribera.
A idea é estender a máis ámbitos as normas de temperatura que xa se aplican na administración. No verán, os aires acondicionados non poderán baixar dos 27 graos e no inverno a calefacción non superará os 19. Terán que aplicalo en edificios administrativos, espazos comerciais e culturais, grandes almacéns, hoteis, cines, estacións de tren e bus e aeroportos.
Tamén se fomentará o teletraballo no ámbito público, unha medida que animan desde o Goberno central a que se aplique nas empresas privadas.
O obxectivo é recortar un 7 % o consumo de gas nos próximos meses, como se pactou en Bruxelas.
Para mitigar os efectos do cambio climático, o Goberno tamén aprobou medidas para mellorar a loita contra os incendios: un decreto para fixar os servizos mínimos de extinción que deberán ter todas as comunidades.
Ribera falou de actualizar a Lei de Montes para estar preparados para a loita contra os incendios durante todo o ano e non só nos meses de maior risco.
Outra das medidas que comunicou a vicepresidenta terceira é o apagado da iluminación de escaparates, monumentos e edificios públicos que non estean en uso desde as 22:00 horas. Precisou que esta norma non aplicará ás luces ornamentais, como poden ser as que se colocan durante as festas do Nadal.
Todas as medidas que aproba hoxe o Goberno comezarán a aplicarse de inmediato pero terán que ser validadas no Congreso nun máximo de 30 días ao tratarse de decretos. Ademais, estarán vixentes ata novembro do 2023.