Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rexistros en varios países nun caso de desvío de fondos europeos pola extrema dereita

Rexistros en varios países nun caso de desvío de fondos europeos pola extrema dereita

Entre os usos dese diñeiro figurarían doazóns a asociacións sen relación coa actividade do grupo político e contratos con empresas afíns aos partidos

Marine Le Pen. Arquivo. REUTERS/Alice Sacco Marine Le Pen. Arquivo. REUTERS/Alice Sacco
G24.gal 30/06/2026 21:31

A Fiscalía Europea levou a cabo este martes varios rexistros en Francia, España, Italia e Bélxica no marco dunha investigación polo presunto uso indebido de fondos europeos por parte dos eurodeputados de Identidade e Democracia (ID), o antigo grupo de extrema dereita liderado por Marine Le Pen e Matteo Salvini.

Segundo informacións obtidas polo diario francés Le Monde, estas actuacións están relacionadas cunha causa aberta en xullo de 2025, tras a presentación dun informe da Dirección de Asuntos Financeiros do Parlamento Europeo.

As operacións, segundo o vespertino, foron coordinadas pola Oficina Central de Loita contra a Corrupción e os Delitos Financeiros e Fiscais, co apoio doutros servizos.

A propia Fiscalía Europea confirmou que "está levando a cabo medidas de investigación en Francia e noutros países europeos no marco dunha investigación en curso sobre o uso de fondos europeos por parte dun antigo grupo político do Parlamento Europeo entre 2019 e 2024", aínda que rexeitou facilitar máis información para non comprometer as pescudas.

O informe que deu lugar ás mesmas apunta a que, presuntamente, o grupo ID (que estivo activo entre 2019 e 2024) gastou indebidamente 4,33 millóns de euros abonados polo Parlamento Europeo para garantir o seu funcionamento.

Entre os usos dese diñeiro figurarían doazóns a asociacións que non gardaban relación directa coa actividade do grupo político e tamén contratos con empresas afíns aos partidos.

En Francia, a líder ultradereitista Marine Le Pen e o seu partido, a Agrupación Nacional (RN, polas súas siglas en francés), xa foron xulgados e condenados polo uso irregular dos recursos do Parlamento Europeo nunha causa independente.

O caso, que ocasionou a inhabilitación de Le Pen o ano pasado, está pendente do proceso de apelación, que deberá resolverse o vindeiro 7 de xullo.

"Desde primeira hora desta mañá estanse levando a cabo rexistros nas sedes e domicilios particulares de provedores de servizos de comunicación que traballaron connosco", admitiu esta tarde en X o actual presidente de RN e man dereita de Le Pen, Jordan Bardella, quen relacionou os procedementos xudiciais co "calendario electoral".

Entre os lugares rexistrados este martes atópase, segundo Le Monde, a empresa GUD Connexion, que adoita colaborar nas campañas de RN como provedora, e o domicilio do seu fundador, Paul-Alexandre Martin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade