Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aproba a lei trans e recoñece a libre determinación de xénero

O Goberno aproba a lei trans e recoñece a libre determinación de xénero

A vontade da persoa será o único requisito para o cambio de sexo no rexistro

 Xa non serán obrigatorios os informes médicos nin tutelas legais

Un xuíz concede o cambio de sexo a un menor de oito anos en Ourense

G24.gal 27/06/2022 09:27 Última actualización 27/06/2022 14:29

O Consello de Ministros aprobou este luns a coñecida como lei trans, que recoñece a libre determinación de xénero.

A vontade da persoa será o único requisito para o cambio de sexo no rexistro. Xa non serán obrigatorios os informes médicos nin tutelas legais.

E poderá facerse libremente a partir dos 16 anos. O texto chegaba hoxe ao Consello de Ministros en segunda volta, sen grandes cambios respecto ao texto inicial, e xa será remitido ao Congreso para que comece a tramitación parlamentaria. 

"É unha lei moi importante que vén continuar coa tarefa e o labor que este país emprendeu no ano 2005 coa lei para o matrimonio das persoas do mesmo sexo do presidente Zapatero", explicou a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez.  

A ministra de Igualdade, Irene Montero, dixo que o goberno de coalición está coas persoas trans, coas persoas LGTBI e coas súas familias. Montero asegurou que este Goberno serve para que este país teña cada vez máis dereitos e para que todos podan desenvolver os seus proxectos e vida.

Coa nova norma, as persoas que queiran facer no Rexistro un cambio de nome e sexo deberán pasar por un proceso de dobre comparecencia. No primeiro cubrirá un formulario en que manifestará a súa desconformidade co sexo mencionado e a petición de cambio e recibirá información das consecuencias legais que terá este cambio, solicitando a rectificación.  

Na segunda, que debe ser nun prazo non superior a tres meses, a persoa solicitante ratificará a súa solicitude e a persistencia da súa decisión de cambio de sexo. No prazo dun mes tras esa segunda comparecencia, a persoa encargada do Rexistro Civil ditará unha resolución.  

Ademais desta medida, o proxecto de lei permite que as mulleres lesbianas, bisexuais e as mulleres sen parella volvan ter acceso a técnicas de reprodución humana e o Goberno comprométese a redactar unha Orde Ministerial no prazo de 6 meses para ampliar este dereito ás persoas trans con capacidade de xestar.  

Do mesmo xeito, prohíbense as terapias de conversión, aversión ou contracondicionamiento destinadas a modificar a orientación, identidade sexual ou a expresión de xénero das persoas, con independencia de que esta dese o seu consentimento; consolida dereitos para as persoas trans e LGTBI no ámbito educativo e laboral;  e garante que a atención sanitaria ás persoas trans se realicen conforme aos principios de non patoloxización, autonomía, codecisión e consentimento informado.  

Este texto, que pasa agora á súa fase de tramitación no Congreso, tamén prevé a inclusión nos currículos educativos do coñecemento e respecto á diversidade sexual, de xénero e familiar como un obxectivo en todas as etapas, así como formación na materia para todo o profesorado, entre outras medidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade