Román Rodríguez: "O novo decreto desvaloriza a función social da educación"
O conselleiro de Educación reúnese o luns coa Xunta de Directores para redefinir o curso
Di que o atraso na publicación dos currículos podería xerar unha situación caótica
Considera que o acordo para estabilizar o persoal interino vai afectar "moi pouco" a Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade reúnese este luns coa Xunta Autonómica de Directores para avaliar o impacto que terá xa este mesmo curso a entrada en vigor do decreto do Goberno con novos criterios de avaliación, promoción e titulación para a educación non universitaria.
"Temos que redefinilo todo", afirmaba este domingo nunha entrevista na Radio Galega en que explicaba que esa normativa afecta á programación docente, ao sistema de avaliación e promoción dos alumnos e ao propio calendario.
Román Rodríguez avanza que vai tratar ao longo da próxima semana co conxunto da comunidade educativa os cambios que cumpra introducir e amósase moi crítico coa actitude do Ministerio.
Di que a asesoría xurídica da Xunta está estudando a posibilidade de presentar un recurso contra un decreto que "cambia as regras de xogo á metade do partido".
"É unha desvalorización da función social da educación".
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
O conselleiro de Educación tamén critica que a ministra Pilar Alegría diga agora que non estarán ata o primeiro trimestre de 2022 os currículos de ESO e o bacharelato. Advirte que iso atrasa a tramitación que teñen que facer as comunidades autónomas e que pode xerar unha situación caótica no inicio do próximo curso.
"Podemos atoparnos con que as editoriais estean coa auga ao pescozo e os profesores se atopen en directo co contido das materias"
Persoal interino
Román Rodríguez explicaba tamén esta mañá na Radio Galega que cre que vai afectar "moi pouco" no eido do ensino o acordo ao que chegou o Executivo central para a estabilización de interinos a través dun proceso de concurso sen oposición.
Asegura que a nosa é unha das comunidades autónomas cunha porcentaxe máis baixa de temporalidade na educación, na contorna do 6 %.
Ademais, aproveitou para chamar á prudencia ante a repunta de casos de covid–19. Di que a dinámica no ámbito educativo é semellante á do resto da sociedade e avoga por esperar a que se estabilice a situación da pandemia antes de relaxar o protocolo en vigor nos centros de ensino.