Publicador de contidos
Publicador de contidos

A lei de amnistía pasa o primeiro filtro no Congreso co apoio de 178 deputados

A lei de amnistía pasa o primeiro filtro no Congreso co apoio de 178 deputados

A norma contou con 172 votos negativos do PP, Vox, UPN e CC

Feijóo compara a "fraude" da lei de amnistía co golpe de 23F

O PSOE defende que a amnistía non implica "perdón" e acusa o PP de "enganar" para "meter medo"

G24.gal 11/12/2023 19:52 Última actualización 12/12/2023 23:53

A proposición de lei de amnistía para os procesados do procès pasou este martes o seu primeiro filtro no pleno do Congreso ao ser apoiada por unha maioría de 178 deputados polo que continuará a súa tramitación parlamentaria para recibir emendas á totalidade e parciais.

Malia que o PP solicitara a votación por chamamento para obrigar aos deputados socialistas a dicir o seu voto de viva voz, ningún parlamentario do PSOE saíuse do guión e todos apoiaron a proposición de lei que beneficiará a uns 300 procesados polo procès desde o 1 de xaneiro de 2012 ao 13 de novembro de 2023.

Aos votos do PSOE engadíronse os de Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, Podemos e BNG mentres que en fronte situáronse os 172 votos negativos do PP, Vox, UPN e CC. A toma en consideración da proposición fai que a lei siga adiante aínda que non se prevé que a norma saia aprobada do Congreso antes de finais de xaneiro. 

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este martes que a lei de amnistía é unha "vergoña nacional" e un "bochorno internacional" e comparou a sesión plenaria desta tarde co golpe de estado de 1981. Amais disto, ameazou con pedir unha comisión de investigación para "sabelo todo" sobre os contactos cos independentistas fose de España.

O portavoz do PSOE Patxi López acusoulle de despregar un "catálogo de insultos" que alguén pode usar "como xustificación para accións violentas". Porque sobre o debate planearon as declaracións do líder de Vox, Santiago Abascal, ao diario arxentino Clarín sobre que o pobo quererá "colgar" a Pedro Sánchez "dos pés".

O líder de Vox, protagonista da polémica, criticou tanto ao xefe do Executivo, a quen desexou un "xuízo xusto" cando o pobo se canse de quen "traizoa" a España, como ao PP, ao que acusa de sumarse ao seu "linchamento" e de unirse á "política 'woke' da cancelación.

Máis aló deste intercambio de reproches, os socios do Goberno apoiaron a normativa ao entender que permite acabar cun ciclo dramático e desxudicializar o conflito catalán.

A única excepción foi Coalición Canaria, que xa avisou na investidura que se opoñería á amnistía ao considerala un instrumento de división e crispación que só persegue a continuidade de Sánchez na Moncloa.

O PSOE defende que a amnistía non implica "perdón" 

O portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Patxi López, defendeu a Lei de Amnistía ante o Pleno da Cámara, incidindo en que se trata dunha medida "excepcional" que non implica "pedir perdón nin perdoar" e acusando o PP de "enganar" co argumento de que atenta contra a igualdade, co único propósito de "meter medo" á cidadanía.

O dirixente socialista afanouse en desmontar as críticas que os populares veñen vertendo contra esta norma que o PSOE pactou con ERC e Junts a cambio do seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. Así, negou que supoña unha "humillación" do Estado de Dereito ou que sexa inconstitucional.

"Vostedes teñen o dereito para protestar e a patexar, pero non poden enganar á xente dicindo que o fan en nome da democracia, do Estado de Dereito, da Constitución e da igualdade porque é radicalmente falso", clamou López.   

O BNG, apoio ao PSOE

O representante do BNG, Néstor Rego, apoiou a iniciativa socialista á parte de cargar contra o PP por volver utilizar "o argumento falaz" de que esta lei non cabe na Constitución.

Podemos, estrea no Grupo Mixto

Podemos subiu á tribuna por primeira vez nesta nova lexislatura, despois de pasar ao Grupo Mixto tras romper con Sumar, para defender a posición dos morados en favor da lei de amnistía e reprochar ao PP que sexan eles quen "rompe España". 

En contra da proposición pronunciáronse os outros dous partidos que forman parte do Mixto, UPN e Coalición Canaria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade