O Concello da Coruña prorroga os orzamentos ante a imposibilidade de negociar con PP e BNG
O presuposto coruñés está centrado en "vivenda, barrios e mobilidade"
O grupo municipal do PP di que a única responsable de que non haxa contas é a alcaldesa, Inés Rey
Pleno do Concello da Coruña. TVG.
O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage, explicou este martes que "constatada a nula vontade do PP para negociar os orzamentos", grupo da oposición co que se puxo en contacto tras a negativa do BNG, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, "tomou a decisión de prorrogar os orzamentos, que xa foron elaborados no seu día contemplando esta situación".
Lage avanzou que abrirá "conversacións co BNG, recollendo o ofrecemento feito no pleno, para negociar o capítulo 4 do orzamento e aprobar a partida destinada a entidades sociais, veciñais deportivas e culturais para 2027".
"Houbo planificación ao longo destes 4 anos, hai capacidade de investimento e hai solvencia económica e financeira", manifestou a rexedora da Coruña.
Lage detallou que o orzamento prorrogado centrarase "en tres eixos estratéxicos: vivenda, barrios e mobilidade". Tamén citou datos económicos para demostrar que hai "solvencia, capacidade de pagar aos provedores e boa saúde do Concello".
Críticas do Partido Popular, que fala de "paripé"
O portavoz do PP, Miguel Lorenzo, criticou o "paripé" de Inés Rey tras convocalo a unha reunión para negociar os orzamentos.
"Querían aparentar, quitar a foto. Só buscan réditos políticos. Non lles interesa a cidade nin sacar uns orzamentos adiante", denunciou.
Así, o popular asegurou que "o único responsable de que non haxa presupostos é o Goberno de Inés Rey".
Lorenzo defendeu que "é necesario un cambio e que viña acompañado dun bo facer e o PP demostrou que é capaz, que hai outra forma de gobernar".