O Compostela non pode co Valladolid Promesas (1-1) e descende á Terceira RFEF
Os santiagueses precisaban derrotar ao filial pucelano e agardar que o Llanera gañara en Escobedo
A goleada do equipo cántabro (4-0) foi arrefriando os ánimos no Vero Boquete
O Compostela confirmou a súa mala temporada ligueira, e descendeu nesta última xornada á terceira división cinco temporadas despois. Os de Secho tiñan unha misión case imposible: tiñan que derrotar ao Valladold Promesas e, ademais, dependían de que o Llanera derrotase ao Escobedo, resultado que non estivo preto de producirse en ningún momento.
Ademais, o primeiro golpe deuno o filial, que se adiantou cun autogol de Roque (ao que antes lle anularan por fóra de xogo inexistente unha acción que acabou na rede). O Compostela seguiu buscando o gol, e gozou dunha manchea de oportunidades, pero era o día dos santiagueses, que so puideron igualar a través dun penalti cando acababa de comezar a segunda metade. Hugo Matos foi derrubado, pero Manu Barreiro topou co porteiro. O asistente ordenou repetir o lanzamento porque o meta se adiantou, e aí si conseguiu empatar Manu Barreiro.
O Compostela buscou o segundo, e tivo moi boas ocasións para facelo. Mesmo rematou Manu Rivas ao pau no engadido. Pero o descenso era xa un feito, por culpa do 4-0 que lle endosou o Escobedo ao Llanera para asegurar o posto de play out. O Compostela, cinco anos despois, volve á terceira división.