Rueda pídelle ao comisario europeo solucións para evitar o impacto do veto á pesca de fondo
O comisario europeo, Costas Kadis, avoga en Vigo por un sector pesqueiro "sostible" e "rendible"
O ministro Planas pide unha transición "realista" con apoio financeiro para ter frotas viables
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou este xoves ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, unha solución para a frota palangreira galega, afectada polo veto á actividade en 87 áreas do Atlántico Nororiental.
Así llo trasladou nun encontro mantido en Vigo, no que tamén participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, entre outras autoridades, e no que o presidente galego amosou ao responsable comunitario a súa "preocupación" polas consecuencias dese veto e da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que o validou.
Rueda pediu ao executivo comunitario solucións técnicas que permitan garantir a supervivencia da actividade pesqueira, en sintonía cunha xestión dos recursos equilibrada, e atendendo a factores biolóxicos, económicos e sociais.
Respecto diso, trasladou a Costas Kadis a "man tendida" da Xunta e lembrou que o Goberno galego, de acordo coa Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) tamén procedeu a estudar a posibilidade de recorrer a sentenza do TXUE, e estase elaborando unha proposta de solucións técnicas alternativas para excluír das restricións o palangre demersal, "unha das artes de pesca máis selectivas e sostibles".
O comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, visitaba este xoves Vigo. Alí apelou ao traballo co sector pesqueiro para lograr unha actividade "sostible, rendible e coidadosa co medio ambiente" e puxo en valor a formación dos profesionais na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
Así o trasladou durante a súa intervención ante os alumnos do curso organizado pola FAO e que se está levando a cabo a bordo do buque de cooperación Intermares en Vigo, que visitou xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
O comisario europeo sinalou que esta visita que fai a España, a segunda, "non será a última" e proclamou que sabe "o importante" que é a actividade pesqueira no país e, especialmente en Galicia e Vigo, que cualificou como "capital da pesca" europea.
"Nós, xunto co sector, tentaremos que sexa unha actividade sostible, rendible e coidadosa co medio ambiente. Mediante os nosos intercambios e contactos, estou seguro de que as políticas que desenvolva no futuro a UE serán moito máis eficaces para logralo", sentenciou.
Mentres, o ministro Luis Planas tamén subliñou a necesidade de conseguir un sector cada vez máis eficiente e sostible, pero matizou que esta actividade tamén debe ter "a rendibilidade que merecen os armadores e pescadores para ter un ingreso digno, un beneficio digno por esa actividade que é tan dura e, en ocasións, tan perigosa".

Mellorar rendibilidade con apoio financieiro
En Vigo, o ministro Planas trasladoulle ao comisario a necesidade de reformar a Política Pesqueira Común (PPC) para "garantir a sustentabilidade dos recursos mariños e mellorar a rendibilidade das frotas europeas", cun apoio financeiro suficiente.
Por iso, avogou porque o futuro Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) sexa "flexible" e permita afrontar retos estruturais e facilitar a modernización da frota e a transición enerxética.
Luis Planas explicou ao comisario europeo a aposta española por unha frota do século XXI e pola transición enerxética, pero que debe ser "realista e viable" para a frota, con financiamento e sen restricións que "comprometan a competitividade do sector".
O ministro destacou tamén que España mantén o seu compromiso coa toma de decisións baseadas na ciencia, pero lembrou que a sustentabilidade debe contemplar tamén as dimensións social e económica, en liña coa PPC. Por iso, pediu que se avance na adopción dos TAC e cotas plurianuais para facilitar a planificación do sector, e que se adiantes os debates das cotas aos Consellos de outubro e novembro.
Veto á pesca de fondo
Por outra banda, insistiu en que as normas da UE deben ter en conta o impacto social e económico nas frotas afectadas polo veto á pesca de fondo en 87 áreas consideradas vulnerables e aludiu en concreto ao palangre de fondo, cuxa actividade "apenas altera os fondos mariños".
Deste xeito, sinalou que a Comisión Europea pode utilizar novos métodos de análises que permitan compatibilizar a protección ambiental coa viabilidade da pesca.
Planas e a conselleira de Pesca, Marta Villaverde, acompañaron o comisario europeo nunha visita ao buque de cooperación 'Intermares', no que se están formando 34 funcionarios de 12 países latinoamericanos.
O comisario europeo valorou o traballo realizado por este buque e a importancia da formación na consecución dun sector sostible e competitivo. Segundo lembrou, a UE foi "historicamente" unha institución referente na loita contra a pesca ilegal, e coñece o importante labor de inspectores e observadores para a conservación do recurso e a recollida de datos científicos.

Tras a visita ao buque, Costas Kadis e Planas tamén estiveron na sede da Axencia Europea de Control da Pesca en Vigo, onde foron recibidos por un grupo de activistas de Ecoloxistas en Acción e de Greenpeace, que despregaron unha pancarta para denunciar a "desprotección" dos ecosistemas mariños vulnerables e para pedir a fin da actividade pesqueira a escala industrial.