O colapso doutro tramo do viaduto do Castro atrasará a reapertura do túnel de Pedrafita
Os dous piares centrais da ponte quedaron inclinados, polo que periga a estrutura
Sospéitase da inestabilidade do terreo e dos alicerces dunha obra construída hai 20 anos
Nove días despois de que caera parte da ponte do Castro, na autovía A-6, derrubouse outro tramo do viaduto. Segundo as testemuñas presenciais, a caída foi repentina e provocou un grande estrondo. Afortunadamente, desta volta tampouco houbo que lamentar vítimas.
Este colapso dun novo van do viaduto supón unha marcha atrás respecto á posibilidade de reabrir a autovía no sentido a Madrid. Debido ao acontecido, poder liberar de tráfico a estrada N-VI ao seu paso por Pedrafita vai ter que agardar aínda máis.
Respecto ás causas da derruba, barállanse varios motivos. Os dous piares centrais do viaduto quedaron inclinados, o que fai sospeitar dos alicerces dunha obra construída hai 20 anos. Por outra banda, cada vez cobra máis forza a inestabilidade do terreo.
En calquera caso, os máis afectados, tanto os veciños da zona coma os transportistas, reclaman transparencia sobre o acontecido.
