O coche usado, máis caro que nunca, cun prezo medio superior aos 20.000 euros
O coche usado, máis caro que nunca, cun prezo medio superior aos 20.000 euros
Subiron o seu importe ao se incrementaren os custos de produción dos vehículos novos
O valor destes vehículos disparouse case un 70 por cento na última década
Os vehículos de ocasión están máis caros que nunca. O seu valor medio supera xa os 20.000 euros, o que representa un 6 por cento máis ca hai un ano. Para explicar este fenómeno, cómpre ter en conta a presenza crecente no mercado das unidades de motor eléctrico e híbrido.
Os modelos de segunda man máis exitosos son aqueles equipados con motorizacións sustentables. Ao igual que os coches seminovos de menos dun ano de antigüidade, a súa oferta duplicouse no último ano.
Juan Castaño, coordinador de ocasión dunha rede de concesionarios: "É o dobre porque unha normativa obriga a producir vehículos con etiquetas Eco e Cero, híbridos, eléctricos ou de gas, e a non producir motores diésel, o que fixo que se vendesen máis deses coches".
Os coches usados subiron ao se incrementaren os custos de produción dos vehículos novos. O efecto en cadea fixo que se disparasen os prezos no mercado de ocasión e de segunda man.
José Antonio Iglesias, xerente dunha empresa de vehículos de ocasión: "Porque hai máis demanda de usado e menos venda de novo. Entón, ao haber menos material en usado, soben de prezo".
En 2014, o valor medio dun coche usado non chegaba aos 12.000 euros. Cunha suba duns 8.000 euros na última década, hoxe en día vale case un 70 por cento máis.
Juan Castaño, coordinador de ocasión dunha rede de concesionarios: "Hai xente que comprou, ao mellor, un coche en 10.000 euros, e aos dous anos valía máis o coche do que lle valeu".