O Clúster do Naval di que, polos encarecementos, só é posible conseguir encargas con ofertas de risco
O Clúster do Naval di que, polos encarecementos, só é posible conseguir encargas con ofertas de risco
O xerente do Clúster, Óscar Gómez, dixo no Galicia por diante que perderon o 50 % do emprego que tiñan hai catro anos e que cada vez lles é máis difícil conseguir encargas
O Clúster do Naval de Galicia di que o sector está sufrindo moito polo encarecemento da electricidade e das materias primas.
O xerente do Clúster, Óscar Gómez, dixo no Galicia por diante que perderon o 50 por cento do emprego que tiñan hai catro anos e que cada vez lles é máis difícil conseguir encargas.
"A carga de traballo non é a que quixeramos ter porque é bastante máis baixa que outros anos. Xa o diciamos nunha conversa precisamente con vós hai un ano e catro meses: que ía ser un ano moi difícil e está séndoo. Está sendo moi difícil contratar a nivel mundial e está sendo moi difícil contratar a nivel nacional, por suposto".
"Comparado con Turquía, países asiáticos ou países de América do Sur, por suposto en España é moitísimo máis complicado e máis caro. En España para facer ofertas cases case hai que ir a risco. Hai que lanzar ofertas non temerarias, pero si considerando que o prezo, por exemplo, das materias primas vai estar máis ou menos estable nos próximos dous meses e moitas veces non se manteñen nin 24 horas. Son prezos moi cambiantes".
"Hai catro anos estabamos nunha boa situación e agora mesmo pois non temos esa contratación. Os empregos baixaron unha chea, case o 50 por cento do que existía en Galicia. Para os próximos meses ou anos, hai posibilidade de subir un pouco por ter máis contratacións pero realmente non hai unha perspectiva de crecemento moi grande".
O Clúster pide axudas valentes das administracións para apoiar o sector, e non centrarse só nuns determinados produtos, senón abrir o habano todo o posible, sen centrarse exclusivamente na eólica mariña como alternativa.
"A eólica mariña é unha oportunidade máis. É un nicho de mercado moi interesante que se está a desenvolver en Ferrol e noutras zonas de Galicia como Vigo e Redondela (...) pero o que pasa é que non poder só ese ámbito de diversificación o que exista para o sector naval".