A Xunta estuda abrir unha liña de axudas ás empresas que sufriron perdas polo apagamento
A conselleira de Economía di que está traballando coas empresas na avaliación dos danos e que a prioridade é coñecer as causas para reclamar indemnizacións
Nunha visita a Estaleiros Armón, Lorenzana subliñou que Galicia lidera o sector naval en España despois de pechar 2024 coa maior carga de traballo desde 2019
O Goberno galego estuda abrir unha liña de axudas ás empresas que sufriron perdas económicas como consecuencia do apagamento xeral do pasado luns 28 de abril. A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, di que está traballando coas empresas na avaliación dos danos e que a prioridade é coñecer as causas para reclamar indemnizacións.
Lorenzana fixo este anuncio durante unha visita ás instalacións de Estaleiros Armón Vigo, o primeiro grupo naval privado de España.
Galicia lidera o sector naval
Alí subliñou que Galicia lidera o sector naval en España despois de pechar 2024 coa maior carga de traballo desde 2019: 11 novos contratos o pasado ano e máis dunha vintena de buques na carteira de pedidos, o 40 % do total nacional.
A conselleira destacou que o liderado do naval galego é estrutural no últimos dez anos porque “soubo especializarse a nivel tecnolóxico, diversificar a súa actividade, internacionalizarla e, deste xeito, convertela hoxe en día nun sector industrial en Galicia fortísimo”.
A actividade ponderada, segundo datos do 2024, representa o 41 % do total nacional, por encima de Asturias (34 %) e País Vasco (26 %); unhas “extraordinarias cifras”, segundo destacou Lorenzana.
A conselleira destacou as medidas da Xunta en apoio ao sector, recollidas no Plan director do Naval, as cales buscan, segundo dixo, “seguir intensificando as bondades, as fortalezas que ten o sector, e tamén traballar nas dificultades, nos desafíos que ten agora mesmo”, vinculadas ao talento, á procura de persoas e ao fortalecemento da especialización e a diversificación “que é o que fai único” este sector.