O Cisne sorprende cun triunfo de prestixio na pista do Cuenca (28-30)
O Cisne sorprende cun triunfo de prestixio na pista do Cuenca (28-30)
Partidazo do equipo pontevedrés diante dun dos equipos máis en forma da Asobal
O Cisne acadou unha vitoria de prestixio na pista do Cuenca (28-30) e mantén o grande inicio de campionato no seu regreso á Asobal. Poucos apostarían polo cadro pontevedrés ao que lle tocaba visitar unha das pistas máis complicadas do campionato pero realizaron un partidazo e acadaron con xustiza o triunfo.
Houbo momentos de dificultade como o 8-4 mediado o primeiro tempo. Apoiados no acerto de Carlos Álvarez nese período inicial (6 goles) conseguiron equilibrar o encontro e ir ao descanso por diante (12-13).
Na segunda metade o Cuenca apertou moito pero o Cisne soubo xogar os momentos quentes do partido e ir mantendo unha pequena diferenza. Ocaña e Chan lideraron o ataque do equipo galego que mantivo a calma cando o Cuenca empatou (23-23) e cun parcial de 0-3 puxo unha máxima vantaxe de tres goles.
Quedaba outro acoso local (25-26) pero volveu a aparecer un Cisne brillante en ataque para manterse por diante no marcador e acadar a vitoria.