Publicador de contidos

Publicador de contidos

O choque de trens na India puido deberse a un erro na sinalización

O choque de trens na India puido deberse a un erro na sinalización

O sinistro, con preto de 300 mortos, é o máis grave no país en dúas décadas

G24.gal 03/06/2023 20:19 Última actualización 03/06/2023 20:36

O primeiro ministro da India acudiu ao lugar do suceso, no estado de Odissa, ao leste do país, e visitou un dos hospitais onde están atendendo as persoas feridas. Modi subliñou que se vai facer unha investigación exhaustiva e que os responsables serán castigados con dureza.

Os labores de busca de superviventes concluíron pero seguen os traballos de desentullo e recuperación de cadáveres.

As autoridades da zona confirmaron ata agora 288 persoas mortas. Entre os feridos, arredor de 900, hai moitos graves, polo que se teme que a cifra de falecidos aumente.

Un viaxeiro que saíu ileso comparaba o que viu cun escenario de guerra, con berros de socorro e corpos por todas partes.

No sinistro víronse implicados dous trens de pasaxeiros en circulación e un de mercadorías que estaba estacionado.

Causas do accidente

As autoridades non ofreceron de momento unha explicación oficial do ocorrido, pero de xeito anónimo desde o departamento de Ferrocarrís apuntaron a un posible erro humano.

Ao parecer, o tren de pasaxeiros máis grande abandonou a vía principal inesperadamente, tomou unha liña circular e chocou a 127 quilómetros por hora co tren de mercadorías. Os vagóns acabaron na vía pola que viña o segundo tren de pasaxeiros, que bateu contra eles.

O informe preliminar observa tamén a posibilidade dun erro de sinalización, como desencadeante da traxedia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade