Publicador de contidos

Publicador de contidos

O chavismo estende o seu poder territorial nuns comicios con baixa participación

O chavismo estende o seu poder territorial nuns comicios con baixa participación

O partido de Maduro gañou en 23 dos 24 estados e asegurou 40 dos 50 escanos da Asemblea Nacional

A líder antichavista Corina Machado afirma que o 85 % dos venezolanos non votou nos comicios

Nicolás Maduro acode a votar nas eleccións deste domingo (REUTERS / Leonardo Fernandez Viloria) Nicolás Maduro acode a votar nas eleccións deste domingo (REUTERS / Leonardo Fernandez Viloria)
EFE 26/05/2025 08:37

O chavismo elevou o seu poder territorial en Venezuela tras as eleccións celebradas este domingo, ao sumar tres rexións ao seu dominio, ademais da Güiana Esequiba, o territorio de case 160.000 quilómetros cadrados en disputa coa Güiana e que Caracas considera o seu estado número 24.

O Consello Nacional Electoral (CNE), afín ao chavismo, anunciou de forma irreversible que o gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), dirixido polo mandatario Nicolás Maduro, gañou en 23 dos 24 estados, cando nos anteriores comicios rexionais, celebrados en 2021, vencera en 19, aínda que entón non existía a hoxe chamada Güiana Esequiba.

O único territorio sen tinta vermella é Cojedes (oeste), onde o actual gobernador, o opositor Alberto Galíndez, foi reelixido.

O CNE anunciou que o chavismo conseguiu cunha tendencia irreversible 40 dos 50 cargos de listas de adxudicación nacional para a Asemblea Nacional (AN, Parlamento) e sinalou que o oficialista Jorge Rodríguez, actual presidente do Lexislativo, foi reelixido como deputado, mentres que o opositor e dúas veces candidato presidencial Enrique Capriles obtivo un escano.

Tras o anuncio dos resultados, Maduro encabezou un acto en Caracas durante o que afirmou que, a pesar de bloqueos, sancións criminais, fascismo e violencia, o chavismo está máis vixente e máis forte que nunca.

Os antichavistas poñen o foco na baixa participación

A líder antichavista María Corina Machado asegura que máis do 85 % dos venezolanos desobedeceu e non votou nos comicios, o que cualificou como unha nova derrota para o réxime criminal de Maduro.

Pola súa banda, González Urrutia, exiliado en España, dixo que hoxe o mundo viu un acto de coraxe cívica e unha declaración silenciosa, pero contundente, de que o desexo de cambio, dignidade e futuro segue intacto.

Mentres, o partido Primero Justicia (PJ) felicitou, a través dun comunicado, os venezolanos que non se prestaron á farsa electoral do réxime e responderon con centros baleiros e conciencia firme.

Durante toda a xornada, distintos partidos e membros da Plataforma Unitaria Democrática (PUD), a maior coalición opositora, que rexeitou estes comicios, publicaban numerosas fotografías en redes sociais de centros de votación baleiros en Caracas e distintas rexións do país, unha imaxe que contrasta coa masiva participación que houbo nas presidenciais pasadas.

Escasa afluencia aos centros de votación

EFE constatou durante o domingo pouca afluencia nunha decena de centros no estado Miranda (norte) e en Caracas, entre eles, un dos máis importantes da capital, o liceo Andrés Bello, no municipio chavista de Liberador, onde están situadas as sedes dos poderes públicos.

Unha excepción foi o liceo Fermín Toro, próximo ao Palacio de Miraflores, sede do Goberno, onde houbo cedo unha cola de decenas de funcionarios da Garda de Honra, organismo militar encargado da seguridade presidencial, e de corpos de seguridade.

En Maracaibo, capital do Zulia, onde o gobernador opositor Manuel Rosales buscaba a reelección, oito dos dez centros percorridos por EFE estaban baleiros e os outros dous con moi pouca cantidade de votantes.

Namentres, no municipio Sifontes da rexión de Bolívar, EFE constatou que tampouco houbo colas nos centros electorais dos poboados que votaban polos 16 cargos para o estado Güiana Esequiba.

De feito, membros de partidos dixeron que se rexistrou unha baixa participación.

En cambio, en zonas máis apartadas e ocupadas por poboacións indíxenas, a presenza de electores foi superior, segundo confirmaron a EFE varios dos candidatos á Gobernación do Esequibo, unha rexión que administra Güiana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade