O Celta xogará un partido benéfico contra unha selección de Ourense polos incendios
Marián Mouriño: "Queremos que este partido demostre que en Galicia estamos todos unidos, que todos imos a unha cando as cousas non van ben”
O Celta xogará o vindeiro mércores 8 de outubro un partido benéfico en Balaídos contra unha selección de futbolistas de Ourense para recadar fondos que se destinarán á reforestación dos montes da provincia de Ourense. En colaboración coa Federación Galega de Fútbol e a UD Ourense, a entidade presidida por Marián Mouriño lanzou a iniciativa “Xuntos contra ou lume” como resposta aos devastadores incendios forestais que arrasaron os montes galegos, especialmente na provincia de Ourense.
“Queriamos achegar o noso gran a través do fútbol. Queremos que este partido demostre que en Galicia estamos todos unidos, que todos imos a unha cando as cousas non van ben”, sinalou a presidenta do Celta.
Tamén agradeceu a predisposición do corpo técnico que lidera Claudio Giráldez a xogar este partido a pesar da carga de partidos que terán pola súa participación na Liga Europea.
“Este é o Celta que nos representa, un Celta galego, con identidade e comprometido coas súas raíces. Imos demostrarlle a todo o mundo a forza e a identidade que nos identifica”, incidiu.
As entradas para este partido benéfico terán un prezo único de 10 euros e sairán á venda o vindeiro luns a partir das 12.00 horas na páxina web do Celta. O Celta non vestirá o seu tradicional equipamento porque ambos os equipos vestirán “unhas camisetas deseñadas especialmente para a ocasión”, as cales sairán á venda “uns días antes” do encontro.
“Ao final do partido todas as camisetas serán asinadas polos xogadores para que logo se poidan poxar”
Na presentación deste partido tamén estiveron presentes dous dos xogadores do primeiro persoal do Celta, o ourensán Hugo Álvarez e o canteirán Hugo Sotelo.
“En canto recibimos a proposta todos comentamos que o fin era moi xusto e necesario. A min, persoalmente, afectoume porque foi na miña terra. Estamos con ganas de participar neste proxecto, que a afección responda e que poidamos axudar entre todos”, apuntou Hugo Álvarez.
“Como galegos e xogadores do primeiro equipo do Celta temos a responsabilidade de participar neste tipo de iniciativas. Esperamos que coa axuda de todos poidamos devolver ao seu estado anterior as zonas afectadas polo lume”, explicou Sotelo, quen lembrou que a súa parella é de Xinzo de Limia (Ourense)