O Celta rescinde "de xeito unilateral" o contrato de Santi Mina
O club tomou a decisión "co apoio da Liga", que referendou a postura do club
O Celta comunicou a extinción "unilateral" do contrato do xogador Santi Mina ao que lle quedaban dous anos de relación co club celeste. "Logo de analizar as distintas alternativas xurídicas, o Celta tomou a firme decisión de extinguir unilateralmente o contrato de traballo do xogador Santi Mina", destaca no comunicado.
Unha decisión que conta co "apoio da Liga" e refrenda a postura inicial do club. "Desde o primeiro día os valores da entidade están por riba de todo e o club defenderíaos ata as últimas consecuencias, incluídas as repercusións que puidese ter na planificación deportiva", din desde o Celta.
Os feitos ocurreron no verán de 2017, dous anos antes do regreso de Mina ao club que o formou e que lle deu a oportunidade. No Celta coñecían o caso pero fiáronse da palabra do xogador. En maio do 2022 a Audiencia Provincial de Almería condenouno a 4 anos de prisión, pena que foi ratificada hai unhas semanas polo TSXA. O xogador presentou un recurso no Supremo pero o Celta xa non agarda a outra sentenza xudicial.
Comunicado oficial: Santi Mina
— RC Celta (@RCCelta) August 4, 2023