O Celta inicia o esprinte final da Liga coa ollada posta en Europa
Xoga este sábado no Metropolitano diante do Atlético de Madrid (18:30 horas) instalado no sexto posto, a seis da Liga de Campións
O Celta inicia no Metropolitano o esprinte final da temporada -Atlético, Levante, Athletic e Sevilla- coa ollada nos postos que dan acceso a xogar en Europa a vindeira campaña. A clasificación do Raio Vallecano para a final da Conference League proporcionoulle ao fútbol español unha praza máis para estaren competicións europeas. Os cinco primeiros xogarán a Liga de Campións. O sexto irá á Europa League e o sétimo á Conference.
Esa praza extra favorece os intereses do Celta pero consciente o equipo de Giráldez que o Xetafe e o Athletic veñen con forza e ameazan ese posto. Tampouco se pode desbotar a quinta praza aínda que a marxe do Betis é ampla a estas alturas de competición (seis puntos sobre os vigueses con doce por xogar).
O rival que se atope diante o cadro celeste será unha incógnita coa praza en Champions garantida e logo do golpe duro que supuxo para os de Simeone quedar fóra da final da Liga de Campións.
No tocante ás novidades volve á lista Marcos Alonso e entrou Ilaix Moriba malia traballar á marxe do grupo nas últimas sesións. Non pode estar Javi Rueda, sancionado, nin os mancados Matías Vecino, Carl Starfelt e Miguel Román.