Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta Fortuna cae co Barakaldo (1-2) logo dunha mala primeira metade

O Celta Fortuna cae co Barakaldo (1-2) logo dunha mala primeira metade

O equipo vasco asaltou Barreiro para acadar o seu primeiro triunfo visitante

O filial queda a oito puntos do liderado do Tenerife

Foto: @CanteiraCeleste
G24.gal 11/01/2026 14:12

O Celta Fortuna cedeu a súa terceira derrota da temporada como local, que o deixa a oito puntos do líder. Foi en Barreiro, e diante dun Barakaldo que non gañara fóra.

O partido comezou co Fortuna asomando na área de Gaizka Campos, primeiro cun centro cruzado de Milla que non atopou rematador, e despois cun disparo de Antañón. Pero o primeiro golpe deuno o Barakaldo. Foi nun remate de Íñigo que Coke non foi quen de blocar. O balón solto empuxouno á rede o éxcéltico San Bartolomé.

O Fortuna dominaba, e seguiuno facendo. Xusto a seguir chegou unha acción que, incriblemente, non acabou en gol. Un omnipresente Antañón presentouse no man a man e, no rexeitamento, asistiu a Álvaro Marín que rematou fóra.

Aí o Barakaldo comezou a atoparse máis cómodo, e gozou de boas ocasións nas botas de Oier e Galarza, antes dun remate desviado a córner. Dende o curruncho botou Oier, e apareceu Markel Arana sen oposición para cabecear á rede.

O Fortuna perdera totalmente a iniciativa do partido, e o Barakaldo gozou doutro par de ocasións, pero Coke non volveu dar facilidades e mantivo o resultado para o seu equipo. Especialmente nun man a man con Íñigo que desbaratou o porteiro.

A segunda metade comezaba con susto, logo dun erro de Meixús que deixaba a Galarza no man a man. Outra vez salvouno Coke, pero a xogada foi revisada por un posible penalti, que o árbitro tampouco concedeu.

O Fortuna precisaba un gol para meterse no partido, e chegou no 72, cunha asistencia de Álvaro Marín que remachaba Antañón, pero o tanto foi anulado por fóra de xogo do dianteiro. Logo da revisión, Pardeiro Puente concedía o gol. Quedábanlle minutos ao Fortuna, pero non era o seu día. Álvaro Marín cabeceou fóra un centro xa no engadido. E Óscar Marcos recibiu un balón ao espazo, pero rematou fóra. E, logo de dúas revisións na área vasca que quedaron en nada, rematou o encontro con sorpresa en Barreiro. A da primeira vitoria do Barakaldo fóra, na casa do segundo clasificado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade