O Celta enfrontarase ao PAOK á procura dos oitavos de final da Europa League
O primeiro partido xogarase en Salónica, o 19 de febreiro, e a eliminatoria decidirase en Balaídos sete días despois
Na Liga de Campións os enfrontamentos serán Atlético de Madrid-Bruxas e Real Madrid-Benfica
O Celta enfrontarase ao PAOK de Salónica na rolda de play off da Europa League. Un vello coñecido do equipo celeste ao que xa lle gañou na fase de Liga da competición hai uns meses no partido que disputaron en Balaídos. A ida xogarase no Toumba Stadium, o 19 de febreiro, e a volta en Vigo o 26 de febreiro.
Os dous equipos asinaron unha fase de clasificación moi similar. O PAOK amosou a súa fortaleza como local onde lle gañou ao Betis (2-0) e ao Young Boys (4-0) e empatou contra o Brann e o Maccabi de Tel Aviv, dous equipos máis accesibles. Fóra da casa tamén conseguiu un bo resultado cun triunfo por 3-4 no campo do Lille que resultou decisivo para a súa clasificación.
O Celta tamén estivo forte en Balaídos onde lle gañou ao PAOK (3-1), Niza e Lille e só cedeu contra o Boloña italiano. Agora terán que decidir nun dobre enfrontamento cal dos dous accede aos oitavos de final onde se verán cun destes dous equipos: o Olympique de Lión ou o Aston Villa.
Sorteo da Liga de Campións
Tamén se sorteou a eliminatoria de play off da Liga de Campións con dous representantes da Liga. O Real Madrid quedou emparellado co Benfica de Mourinho, o equipo que os apartou do Top 8 e o Atlético de Madrid xogará diante do Bruxas belga.