O Celta B derrota o Alcorcón (1-0) e achégase á zona de play off
O filial venceu o líder en Balaídos cun gol de Hugo Álvarez
O Celta B defende o feudo celeste con bo tino. Levan 5 vitorias seguidas na casa. Alí non puido puntuar nin o líder. Un Alcorcón que queda agora exposto a ceder o trono.
Foi un partido controlado e dominado polo equipo vigués. Con moitas dificultades na primeira parte para rachar a disciplina táctica madrileña. Conseguiuno grazas á estratexia, á xogada ensaiada no saque de esquina que rematou Hugo Álvarez para marcar o 1 a 0 no minuto 38.
Tocaron Damián, Raúl Blanco e o ourensán, que asinou o seu segundo gol da temporada.
O Alcorcón revisou posicións para a segunda parte, en que estaba obrigado a arriscar.
Pero lonxe de mellorar, tivo que resistir durante quince minutos ante un Celta B brillante. Iker Losada, en dúas ocasións, buscou o segundo gol. Evitárono o poste o unha estirada do porteiro Jesús Ruiz.
O acoso dos vigueses non cedeu, aínda que o Alcorcón melloraría a súa chegada coa entrada no campo do ghanés Eddai.
Gozou Balaídos cunha segunda parte de moita actividade. Que confirmou a madurez do filial celeste. Capaz de controlar o líder, dominalo, asustalo e tamén resistir as acometidas finais dos amarelos.
Con Claudio Giráldez expulsado, no tempo engadido, o Alcorcón tivo a súa mellor ocasión. E Cuba, Christian Joel, tivo o seu momento heroico ao realizar esta parada ante o remate de Iago López.
Foi na xogada final. O broche de ouro a unha vitoria que fai máis sólida a candidatura viguesa.