O Celta volve á competición con boas sensacións
O equipo vigués avanzou na Copa do Rei en Gernika
O venres 30, volve a Liga contra o Sevilla en Balaídos
O Sevilla en liga e o Español en Copa serán os rivais do Celta nos vindeiros días. Partidos que chegarán logo dunha volta a competición satisfactoria. Sen problemas ante o Gernika, o equipo vigués afrontará o vindeiro día tres de xaneiro a seguinte eliminatoria copeira. Sen fortuna no sorteo, no único duelo entre primeiras, o Celta xogará ante o Español en Barcelona. As sensacións son boas para afrontar todo o que ven.
"Acabamos ben antes da parada, nesta pretemporada traballamos ben, tiñamos que seguir nesa liña. O partido de Gernika deunos confianza, contra o Sevilla intentaremos seguir mellorando", di Unai Núñez.
E é que antes de acabar o ano, o Celta recibirá ao Sevilla. Será o vindeiro venres. O equipo andaluz está en descenso, a un punto do conxunto vigués. Un encontro con moita trascendencia para retomar a competición ligueira e no que pode ser parte fundamental o apoio dos afeccionados en Balaídos.
Para Carles Pérez, "a afección sempre está connosco, han seguir aí. Imos facer unha segunda volta bonita, imos polo Sevilla".
Buscará o Celta un triunfo que en liga non se produce desde a sétima xornada ante o Betis. No último partido antes da parada, os de Carlos Carvalhal empataron sen goles en Vallecas.