O Celta, a encadear tres triunfos seguidos por primeira vez na temporada
Non lle gañan ao Atlético de Madrid desde setembro de 2018
O Celta prepárase para recibir o Atlético este domingo en Balaídos. Os de Carlos Carvalhal buscarán conseguir a terceira vitoria consecutiva.
Chegan en boa dinámica ao partido tras sumar dez dos últimos quince puntos en xogo. Os celestes non lle gañan ao Atlético de Madrid desde setembro de 2018 polo que tentarán romper esta mala estatística.
O Celta non consegue sumar tres triunfos desde a primeira temporada do Chacho Coudet. No treito final da temporada 2020-21 acadou a nada desprezable cifra de cinco vitorias seguidas que a piques estiveron de meter o equipo en postos europeos.
O sábado o Celta fará a última sesión de adestramento antes do partido. En Afouteza puido verse este venres a Agustín Marchesín que foi visitar os seus compañeiros. Hai unha semana que se lesionou e foi operado. Machesín xa non poderá xogar no que resta de temporada.