O cantante colombiano Camilo di que vivir en Galicia "sería como cumprir un soño"
Súmase á lista de famosos que ansían ter casa nalgún lugar da comunidade
O pianista Jhames Rhodes, o actor Norman Reedus ou cantante Dani Martín manifestaron ese desexo
O arquitecto David Chipperfield leva anos en Corrubedo e a cantante Eva Amaral asentouse na Ribeira Sacra
Desde a primeira vez que actuou en Galicia, o cantante colombiano Camilo fixo expresa a súa conexión con Galicia. Co tempo e as sucesivas xiras, o amor foi a máis e agora acaba de recoñecer no podcast 'Lo que tu digas' que quere vivir aquí. O cantante recoñeceu que, amais da conexión coa xente, valora especialmente a paisaxe e o clima.
Esta combinación de factores, xunto coa gastronomía, xa seduciu outros artistas, como o pianista Jhames Rhodes, moi vinculado a Muros, ou o actor Norman Reedus, protagonista de 'The Walking Dead', que manifestou a súa preferencia especialmente pola Costa da Morte.
Dani Martín tamén é dos que di querer vivir aquí. E hai quen xa cumpriu o seu desexo, coma o arquitecto británico David Chipperfield, asentado desde lustros en Corrubedo, ou Eva Amaral, que puxo casa hai uns anos na Ribeira Sacra, algo que se deixa ver nos vidoclips do seu último disco, Dolce Vita, rodados en lugares coma o embarcadeiro do Chancís en Sober.
Imaxe de Amaral nos Chancís, no videoclip de 'Dolce Vita'