O buque 'Patiño' deixa Ferrol e súmase a unha agrupación naval da OTAN
O barco asumirá tarefas de respaldo loxístico, para abastecer de combustible ou víveres ás demais embarcacións que forman parte na operación
O Buque de Aprovisionamento de Combate 'Patiño' partiu ao redor das sete da tarde deste domingo desde a súa base no Arsenal Militar de Ferrol para incorporarse á SNMG-1, unha das agrupacións navais permanentes da OTAN.
O novo operativo ao que se sumará a unidade enmárcase no despregamento 'Brilliant Shield', encamiñado a afondar na seguridade de augas tanto do Atlántico norte como do mar Báltico.
O barco, que foi despedido cun acto no peirao número 10 do estaleiro de Navantia Ferrol, asumirá tarefas de respaldo loxístico, coas que abastecerá de combustible ou víveres ás demais embarcacións que toman parte na operación.