Ben McLemore, na cadea acusado de violación
O xogador do Breogán foise por asuntos persoais aos Estados Unidos esta semana pero contaba con estar de volta para o adestramento do xoves
Logo de declarar, foille imposta unha fianza de 50.000 dólares e podería regresar a Lugo

O aleiro do Breogán Ben McLemore marchou esta semana aos Estados Unidos por motivos persoais e tiña previsto incorporarse á disciplina do grupo no adestramento do xoves.
Pero desde os Estados Unidos chegaron novas sorprendentes do xogador asinado esta temporada. Segundo informa o medio KGW News, o xogador entrou na cadea do condado de Clackamas este mércores acusado de violación en primeiro grao e doutros delitos sexuais.
Na axencia de representación do xogador sinálase que é unha "denuncia falsa" e confían en que McLemore saia da prisión unha vez preste declaración. Os feitos aconteceron hai un par de temporadas, cando pertencía ao equipo dos Portland Trail Blazers.

Logo de declarar diante da xuíza, McLemore poderá saír da prisión no caso de depositar unha fianza duns 50.000 dólares e podería viaxar de volta a Lugo para incorporarse ao cadro galego.
McLemore estaba a ser un dos mellores xogadores do Breogán. Fichado a finais de decembro, disputou 13 partidos da Liga ACB cunhas medias de 13,7 puntos, 2,8 rebotes e 25 minutos por partido. Hai que lembrar que no mes de marzo foi denunciado pola Policía Local de Lugo por conducir bébedo, negarse a realizar a proba de alcoholemia e enfrontarse aos axentes.