O Breogán perde a Sakho xusto antes de enfrontarse ao Real Madrid
O equipo de Casimiro visita a pista do mellor equipo do campionato e que acaba de clasificarse para a Final Four da Euroliga
O Río Breogán afronta a saída máis complicada do campionato. Visita a pista dun Real Madrid que se amosou intratable ao longo do campionato. Cun balance de 26 vitorias e 3 derrotas o equipo branco ten no peto a primeira posición na fase regular para afrontar o play off do mellor xeito. Na última semana estivo máis pendente da Euroliga coa eliminatoria de cuartos diante do Hapoel pero conseguiu rematala no cuarto partido (3-1) co que a atención volverá a estar na ACB.
Conta con outro problema importante a rotación de Luis Casimiro que non poderá contar con Jordan Sakho para o partido. É probable que o pivote perda o que queda de campionato co que queda cunha liña interior moi mermada. Sakho estaba a aportar moito no traballo defensivo e no rebote, o xogador máis físico de todo o plantel.
Sen tempo material para ir ao mercado, Casimiro terá que botar man dos recursos e improvisar algunha solución para a derradeira parte da temporada. Con respecto ao partido o adestrador recoñece a dificultade da empresa.
"O Real Madrid xoga a 130 puntos ou a 60, é un equipo moi bo e con moitos recursos tácticos. Non sabes por onde van vir os problemas cun plantel tan amplo como o de Scariolo", recoñece Casimiro.