O Breogán perde a Polite e Agravanis para os vindeiros compromisos
O xogador suízo sofre unha rotura de fibras no adutor esquerdo
Agravanis está a someterse a probas para coñecer o alcance da lesión

Está a ser moi desafortunado este inicio de tempada para o Breogán. Hai unhas semanas era Toni Nakic o que quedaba mancado para varios meses cun problema no menisco. Despois chegou o abandono do base Sisko por problemas persoais, unha baixa que o club intenta cubrir no mercado de fichaxes.
Agora, o infortunio volve en forma de lesións. Dúas na última derrota ante o Manresa. O aleiro suízo Anthony Polite saíu cunha rotura de fibras no adutor esquerdo, co cal, será baixa durante varias semanas. Tamén o substituto temporal de Nakic, Dimitrios Agravanis, padece unha doenza, aínda que non foi precisada polos servizos médicos do club, que lle están facendo probas para determinar o alcance real. O único seguro é que tampouco poderá estar contra o Lenovo Tenerife.
Para o partido, o técnico Veljko Mrsic terá que traballar en cadro. Por sorte, puido incorporar a Jogela, ausente contra Manresa, e son dez os efectivos con que vai poder contar: Sergi García, Sergi Quintela, Erik Quintela, Albert Ventura, Momirov, Jogela, Rudan, Sajus, Juan Fernández e Diouf.