Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán ficha o internacional croata Dario Drežnjak

O Breogán ficha o internacional croata Dario Drežnjak

Procede do Keravnos BC de Chipre e firma por unha tempada coa entidade lucense

G24.gal 08/07/2025 10:41 Última actualización 08/07/2025 10:46

O Río Breogán anunciou a fichaxe do ala-pivote internacional croata Dario Drežnjak, quen procede do Keravnos BC de Chipre e firma por unha tempada coa entidade lucense. O xogador, nacido en Mostar (Bosnia e Hercegovina) formouse no Široki do seu país, de onde deu o salto ao KK Zadar, co que competiu na liga croata e na liga ABA.

Na tempada 2022-23 foi o segundo máximo anotador do equipo con medias de 14,3 puntos e 4,7 rebotes na liga croata, e 13,2 puntos e 4,7 rebotes na liga Adriática. Na campaña 2023-24 mantivo a súa regularidade con 12,7 puntos e 3,7 rebotes na liga nacional, e 14,1 puntos e 4,5 rebotes na competición adriática.

Eses bos números abríronlle as portas da liga italiana, onde o curso pasado defendeu as camisetas do GeVi Napoli e o Vanoli Cremona antes de asinar polo Keravnos BC, onde rexistrou medias de 9.4 puntos e 4.3 rebotes en 21 minutos por partido, cun 37,5 por cento en triplos nos 10 encontros que disputou.

“Drežnjak destaca polo seu lanzamento exterior, mostrándose ao longo da súa carreira como un sólido tirador desde 6,75. Ademais, posúe unha boa capacidade física que lle permite ser moi intenso no seu xogo e achegar en labores defensivos e no rebote”, destaca o club no seu comunicado de prensa.

Internacional con Bosnia e Hercegovina en categorías inferiores, o novo interior breoganista defende as cores da selección absoluta de Croacia, país co que participou en torneos clasificatorios para o Eurobasket e os Xogos Olímpicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade