O Breogán cede no último cuarto na pista do Bilbao (100-90)
Os lugueses mantivéronse no encontro ata ese último período, no que unha desvantaxe de 20 puntos foi xa decisiva
O Breogán non puido vencer na difícil pista do Bilbao. Acabou caendo por dez puntos, nun encontro que foi igualado ata ese último parcial, no que os de Luis Casimiro quedaron sen opcións.
A igualdade foi a tónica do partido, como quedou claro xa no intercambio de anotacións da primeira metade, cun primeiro cuarto en que as vantaxes non superaron os catro puntos para ningún dos equipo. O Breogán conseguía un 21-25 no treito final, que os bilbaínos remontaban ata o 32-25, logo dun 11-0 de parcial. Este segundo cuarto foi de parciais, co Breogán volvendo tomar a iniciativa (35-36), os vascos outra vez por diante (43-36), e un marcador axustado ao descanso (49-42)
A volta de pausa, o Bilbao acadaba a máxima renda cun 58-47, pero reaccionaban os lugueses, que empataban a 65 cunha tripla de Francis Alonso. E o partido entrou no último cuarto con todo por decidir grazas a Francis Alonso, autor dos últimos 7 puntos do seu equipo e dos seus 9 neste parcial.
E non comezou ben este último parcial, cunha única tripla de Mavra, mentres o Bilbao abría unha fenda de 82-72 que obrigou a Casimiro a pedir tempo. E a seca luguesa non rachou ata unha tripla de Dibba, a 6:17 para o final, pero respondeu Hlinasson con dúas canastras para colocar a diferenza nos 14 puntos. O xogador local sumaba daquela 17 puntos, un por detrás de Hilliard, que acabou comandando a anotación con 21.
Porque o Breogán xa non tivo folgos para volver unha vez máis, e o Bolbai mesmo acadou 20 puntos de renda. Entre Cook e Brancovic, que foron os mellores anotadores do cadro galego con 15 e 16, meteron os últimos 9 puntos para deixar o marcador final en 100 a 90. Dibba achegou tamén 15. Décimo cuarta derrota do equipo lugués, que segue con 8 vitorias.