Publicador de contidos

Publicador de contidos

O papa recibe unha delegación de Begonte polo 50 aniversario do seu belén electrónico

O papa recibe unha delegación de Begonte polo 50 aniversario do seu belén electrónico

Unha delegación local no Vaticano convidou o papa a visitar o nacemento electrónico

Félix Aragunde 09/11/2022 14:07

Unha delegación encabezada polo rexedor local de Begonte reuniuse co papa no Vaticano. Alí entregáronlle unha maqueta do monumento que prevén colocar na praza Irmáns Domínguez Guizán.

O lugar está situado ao carón da sede do famoso nacemento, que este Nadal celebra os 50 anos da súa fundación. Será o primeiro dos 19 elementos que se van instalar en cada unha das parroquias dun concello coñecido polo seu belén electrónico.

Xulio Xiz, vicepresidente da Asociación cultural José Domínguez Guizán: "Tivemos a idea, con motivo deste cincuentenario, de facer un monumento en cada unha das parroquias. E xunto a el vanse colocar dúas monumentais zocas, coma o modelo que se lle levou ao papa, como símbolo do camiño a un lugar destacado". 

Fundado en 1972 polo párroco José Domínguez, o belén de Begonte é festa de interese turístico de Galicia dende 2014. Nel colaboran os veciños da vila chairega, que estes días comezan a traballar na montaxe dun nacemento do que din sentirse orgullosos.

Carlos Torres, colaborador do belén de Begonte: "Para nós é un orgullo o traballo que estamos facendo, porque aquí vén moita xente, nenos e maiores. Botamos dous meses que traballa seguido o belén. Calculamos que pasan máis de 40.000 persoas cada ano".

Ramiro Cruz, encargado do mantemento do belén de Begonte: "A maioría dos veciños estamos moi orgullosos. Begonte é coñecido polo belén, máis que nada".

O belén de Begonte conta ademais co seu propio museo, onde se amosan pezas antigas. Estímase que máis dun millón de persoas puideron visitar xa o nacemento ao longo do seu medio século de historia. Este ano poderán velo de novo a partir da primeira fin de semana de decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade