O BCE deixa sen cambios os tipos de xuros na primeira reunión tras o ataque a Irán
O regulador europeo decide manter no 2 % o prezo do diñeiro a pesar da presión polo incremento dos prezos da enerxía
O Banco Central Europeo incrementa a previsión de inflación para este ano desde o 1,9 %, que anticipaba hai tres meses, ao 2,6 %, mentres que rebaixa o crecemento económico en tres décimas para deixalo no 0,9 %
O Banco Central Europeo (BCE) acordou este xoves deixar sen cambios os tipos de xuros e mantelos no 2 %.
Como estaba previso, na súa primeira xuntanza tras o inicio da guerra lanzada polos Estados Unidos e Israel contra Irán, o regulador monetario europeo mantivo estables o prezo dos cartos, a pesar das presións que chegan desde distintos ámbitos debido ao incremento dos prezos da enerxía e que ameazan cunha espiral inflacionista.
O Consello de Gobierno do BCE, que se reuniu na sede central da entidade en Frankfurt, indicou nun comunicado que "ten a determinación de asegurar que a inflación se estabilice no obxectivo do 2% a medio prazo".
O BCE recoñece que "a guerra en Oriente Próximo creou riscos á alza para a inflación e á baixa para o crecemento económico, que fan que as perspectivas sexan moito máis incertas", din no comunicado.
"As súas implicacións a medio prazo dependerán tanto da intensidade e a duración do conflito, como do modo en que os prezos da enerxía afecten os prezos de consumo e á economía", continúa.
Aseguran desde o BCE que están "en boa posición para navegar esta incerteza", coa inflación situada ao redor do obxectivo do 2 %, e "coas expectativas de inflación a máis longo prazo firmemente ancoradas" e "a economía mostrou resiliencia nos últimos trimestres".
O BCE publica tamén as súas novas proxeccións de inflación e crecemento, que incorporan excepcionalmente a información obtida ata o 11 de marzo, data de peche posterior á habitual.
A inflación xeral situarase, de media, no 2,6 % en 2026, o 2,0 % en 2027 e o 2,1 % en 2028.
A inflación revisouse moito á alza para 2026 en comparanza coas proxeccións de decembro, cando o BCE previu unha inflación do 1,9 %, debido á subida dos prezos da enerxía como consecuencia da guerra.
En decembro, o BCE prognosticara unha inflación do 1,9 % en 2026, do 1,8 % en 2027 e do 2 % en 2028.
Os expertos do BCE prevén agora que o crecemento económico situarase no 0,9 % en 2026, o 1,3 % en 2027 e o 1,4 % en 2028.
De modo que revisan á baixa o crecemento sobre todo para 2026, "debido aos efectos da guerra nos mercados de materias primas, nas rendas reais e na confianza en todo o mundo", engade o BCE no comunicado.
En decembro prognosticaran un crecemento do 1,2 % en 2026 e do 1,4 % en 2027 e 2028.