O Basquet Coruña reafirma o seu liderado e arrolla ó Fuenlabrada (101-75)
Os de Carles Marco pasan por riba do equipo madrileño co que compartían a condición de invictos
Guillem Jou e Paul Jorgensen foron os máximos anotadores dos laranxas
@basquetcoruna
Basquet Coruña segue con paso firme o seu paso pola Primeira FEB e acadou a súa sexta vitoria consecutiva da tempada. Seis partidos e seis triunfos para o equipo que adestra Carles Marco. Onte superando ademais o único equipo que compartía cos herculinos a condición de invicto, o Fuenlabrada.
E que desde o inicio foi superior o equipo laranxa. Cunha gran defensa e un baloncesto moi dinámico, abriron rendas no marcador. Con Jorgensen e Jou como bastións ofensivos o primeiro cuarto remataría cun 28–16 favorable ó equipo local. No segundo período chegaron a dominar por vinte puntos tras unha tripla de Dino Radoncic (46-26). Ante ese caudal ofensivo o adestrador madrileño puxo en liza unha defensa zonal que serviu para reducir diferenzas e chegar ó descanso cun 51–37 favorable ao equipo coruñés.
Pero ese amago de reacción madrileña non tivo continuidade no terceiro cuarto e Basquet Coruña volveu colocarse vinte puntos arriba tras unha tripla do estelar Guillem Jou (61–41). E a diferenza seguiría subindo ata chegar ó final do terceiro cuarto cun 72–59 despois doutra tripla anotada polo inspirado Guillem Jou. E no último cuarto non baixou o pistón o equipo herculino que rematou certificando unha avultada vitoria por 26 puntos de diferenza (101–75).